Festa e glamour na III Gala Anual de Turismo Rías Baixas

Unha gala de cine para unha provincia de película

Vigo | A Deputación rendeu homenaxe en Vigo ao turismo da provincia nun evento que nomeou a Emma Lustres primeira Embaixadora de Rías Baixas e distinguiu ao sector cos selos SICTED

A cerimonia foi conducida ao máis puro estilo cinematográfico pola actriz Deborah Vukusic e o actor Carlos Blanco e contou coas actuacións de Rosa Cedrón e “Media Punta”

Representantes do mundo social, artístico, cultural, político e Estrelas Michelín pisaron a alfombra vermella. Carmela Silva subliñou que “vivimos nun tempo novo para o turismo, repleto de desafíos e oportunidades e estamos moi ben posicionados cun destino único”

Non faltou un detalle para que a III Edición da Gala Anual de Turismo Rías Baixas non tivera nada que envexar a calquera cerimonia de entrega dos Premios Goya o incluso dos Oscar de Hollywood. O glamour, as luces, as emocións, a música, a modernidade e o humor encheron esta tarde o Auditorio Mar de Vigo, vestido para a ocasión por todo o alto, con photocall, alta tecnoloxía, alfombra vermella e invitadas e invitados de luxo. Todo elo para render homenaxe ao turismo dunha provincia de película como é Pontevedra. Ao evento, organizado pola Deputación, asistiron numerosas autoridades entre elas o alcalde de Vigo, que exerceu de anfitrión, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, deputadas e deputados, alcaldes e alcaldesas, e representantes do mundo de turismo, da cultura, da sociedade, da gastronomía e da política da provincia. A Gala fixo todo un recoñecemento ao sector turístico coa elección da primeira Embaixadora das Rías Baixas, a entrega dos selos SICTED a 139 empresas, e a presentación da campaña “Fame de Experiencias”, centrada este ano na enogastronomía.

Emma Lustres, fundadora e directora executiva de “Vaca Films” a premiadísima produtora galega, que só este ano logrou tres Goya e varios Mestre Mateo pola película “La Sombra de la Ley”, foi o nome que contiña o sobre pechado co nomeamento de primeira Embaixadora de Rías Baixas. Lustres tivo que subir ao escenario cando o misterio foi desvelado pola presidenta da Deputación. A xa Embaixadora, que recibiu como agasallo unha “particular interpretación en cerámica dunha camelia” da artesán viguesa Ana Tenorio, mostrou a súa emoción polo título e se comprometeu a representar “a esta marabillosa provincia de Pontevedra”

Carmela Silva se referiu a Emma Lustres como “a personificación do poderío das mulleres na nosa provincia, do talento e da paixón polas cousas ben feitas. Era imposible ter mellor embaixadora que ela, é unha honra porque leva a nosa provincia e a Rías Baixas alá onde vai, e ela é das que vai a todos os lugares co éxito detrás de cada proxecto que lidera” .

Na súa intervención, a presidenta da Deputación fixo un percorrido “polas paisaxes, camiños a Compostela, festas e experiencias para os cinco sentidos que temos na provincia”, e invitou ao mundo “a que nos visite, que veña a este paraíso para saciar a súa Fame de Experiencias. Que as vivan, o conten e repitan”, dixo. Tamén agradeceu “as empresas que apostan pola calidade que contribúen a consolidar e prestixiar o noso destino”, e recoñeceu especialmente ás persoas que fan posible a enogastronomía, ás produtoras e produtores nos que se inspira a campaña deste ano da Deputación. “Detrás dese éxito hai moita xente, traballadoras e traballadores do marisqueo, a pesca, a gandería, a produción vitivinícola, o campo, a distribución e a restauración que producen e serven a mellor materia prima da nosa gastronomía”.

Silva sinalou que “vivimos nun tempo novo no sector turístico, de grandes desafíos e oportunidades, e estamos moi ben posicionados. Temos un destino de costa e interior único, cunha gastronomía de excelencia e un patrimonio e unha cultura extraordinarios. Temos un sector turístico fortemente profesionalizado e unha administración como a Deputación entregada para acadar o noso obxectivo xunto cos concellos e o sector privado”.

No transcurso da Gala, fíxose todo un recoñecemento ao turismo da provincia , xa que ata 139 empresas do sector recibiron o certificado SICTED, o distintivo que premia a excelencia e a profesionalidade. Representacións de todas elas, pertencentes a 34 concellos das comarcas de Vigo, Pontevedra, O Salnés, O Morrazo, Val Miñor, Baixo Miño e do Condado-Paradanta, desfilaron polo escenario da Gala no Auditorio Mar de Vigo para recoller as súas distincións.

A III Gala de Turismo Rías Baixas foi conducida pola parella formada pola actriz Deborah Vukusic e polo actor Carlos Blanco que, seguindo co estilo cinematográfico de toda a gala, apostaron polo humor ao longo do evento ao que asistiron as forzas vivas da cidade, lideradas polo alcalde de Vigo, Abel Caballero. Alcaldes e alcaldesas doutros puntos da provincia tamén pasaron polo photocall e pola alfombra vermella, así como representantes do sector turístico co presidente do Cluster de Galicia ou a Directora de Paradores. Tamén asistiron representantes do mundo cultural, social, empresarial, artístico e político, amais de integrantes do Corpo Consular na cidade, amais de Estrelas Michelín como Amaranta e Javier Olleros de Culler de Pau. A cerimonia contou coas actuacións musicais de Rosa Cedrón e do Grupo de Danza “Media Punta”, que encandilaron ao público asistente coas súas interpretacións.