Ferreiro defende na comisión executiva do Eixo Atlántico “a priorización dos investimentos en liñas ferroviarias para integrar a esta área na rede europea”

O alcalde afirma na xuntanza do ente que o tren de Punta Langosteira “é fundamental para que a infraestrutura teña sentido”, como tamén o son actuacións de mellora da conexión entre a cidade, Lugo e Ferrol, “que permitirán integrar o porto exterior co Corredor Atlántico de mercancías”

A Coruña |​O alcalde, Xulio Ferreiro, avogou hoxe por dar prioridade aos investimentos en infraestruturas ferroviarias precisos para a cidade, “tanto para mellorar a súa conexión con cidades como Ferrol ou Lugo como para facer realidade o imprescindible tren do porto exterior de Punta Langosteira, que é fundamental para que esta nova infraestrutura teña sentido”. Ferreiro participou hoxe na reunión da Comisión Executiva do Eixo Atlántico celebrada en Mirandela (Portugal), na que se analizaron dous informes sobre infraestruturas de transporte, tanto portuarias como de ferrocarril, da rexión transfronteiriza, elaborados por Fernando González Laxe e Miguel Rodríguez Bugarín a petición da entidade, e que servirán de base para a negociación cos gobernos de España e Portugal nesta materia.

Ferreiro enmarcou as actuacións precisas para a cidade “no valor que ten o servizo ferroviario para toda a rexión”. Neste sentido, explicou que as melloras na conexión entre A Coruña e Lugo e entre esta cidade e Ourense “permitirán realizar a integración necesaria do porto de Langosteira co Corredor Atlántico de mercancías, unha liña que unirá A Coruña coa rede de comercialización europea por ferrocarril”. O rexedor fixo fincapé tamén na necesidade de modernizar a rede atlántica de ferrocarrís para “dotar á comarca de A Coruña e Ferrol dunha conexión por tren efectiva e útil para a cidadanía”, así como a saída sur de Vigo, “que posibilitará a creación dunha liña de alta velocidade entre Oporto e a nosa cidade, coas vantaxes de comunicación e oportunidades económicas que isto comporta”. O alcalde reclamou a necesidade de “dar prioridade aos investimentos en infraestruturas ferroviarias para que a área do Eixo Atlántico se pode integrar na rede europea de transporte” e lembrou que “é preciso que estas demandas sexan a base das reclamacións do ente no eido de comunicacións e infraestruturas, porque se están a negociar xa nos órganos da Unión Europea as liñas de financiamento nesta materia”.

“Algunhas das reclamacións que mantemos están entre as que manexan os estados, pero hai moitas outras que nós identificamos como necesarias e que é preciso introducir na relación de actuacións a desenvolver nos próximos anos”, apuntou.

A Comisión Executiva do Eixo Atlántico analizou na súa xuntanza un informe ferroviario realizado por Miguel Rodríguez Bugarín, un portuario elaborado por Fernando González Laxe e un último estudo de Juan Picos sobre cooperación transfronteiriza na prevención e loita contra os incendios. Bugarín presentou unha proposta “para a reflexión e o debate” na que se definiron “todas as actuacións en materia ferroviaria que serían susceptibles de recibir fondos europeos no próximo programa marco, dentro da rede integrada de transportes europea”. Así, lembrou que a UE desenvolve programas de revitalización do tren como medio de transporte de mercancías “para que este sexa competitivo co que se realiza por terra”. Na súa análise, Bugarín resaltou que a rede de Galicia e Norte de Portugal é moi desigual, xa que existen trazados renovados neste século mentres que outros manteñen o orixinal, de finais do XIX, como a liña A Coruña-Betanzos-Ferrol, “o que condiciona a calidade do servizo e limita as posibilidades de mellora, como a introdución da alta velocidade”.

Pola súa banda, González Laxe presentou un informe sobre os portos vinculado ao traballo anterior, xa que, segundo reflexionou, en materia portuaria é fundamental a accesibilidade interior, “xa que os intercambios de mercancías so poden darse se hai corredores de comunicación”. “Os portos non son entidades illadas, polo que precisan planificación no sistema de transportes’, rematou.