FEMUPO homenaxeará ás mulleres referentes da provincia de Pontevedra

Coa entrega dos seus premios anuais este 18 de marzo

Pontevedra | Co compromiso de visibilizar e homenaxear ás mulleres da provincia de Pontevedra que abren camiño, a Federación Pola Igualdade da Provincia de Pontevedra (Femupo) celebra unha nova edición dos ‘Premios Mulleres Femupo’.

Con este evento, vinculado á conmemoración do 8M, a entidade destaca o traballo daquelas mulleres e entidades referentes que, desde o seu eido, sexa o cultural, o deportivo, o social ou o laboral, rachan cos estereotipos de xénero e promoven a igualdade.

Neste 2023, as galardoadas son as Cantareiras Madialeva, o Club de Waterpolo de Pontevedra feminino, o Centro de Información á Muller (CIM) de Mos e Diana Lameiro, fundadora e directora de Lingoreta, un centro interdisciplinar que ofrece servizos de logopedia, psicoloxía, pedagoxía e terapia ocupacional. Como sinalan desde Femupo, o seu labor serve de inspiración para a loita feminista e contribúe á participación activa das mulleres en todas os ámbitos da nosa sociedade.

O acto de entrega dos ‘Premios Mulleres Femupo’ terá lugar o sábado, 18 de marzo, ás 20:30 horas no Auditorio de Torroso de Mos. As galardoadas recibirán unha figura que representa a provincia de Pontevedra en mans dunha muller. Esta actividade é posible grazas á colaboración do Concello de Mos, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, do Ministerio de Igualdade e do Xacobeo 21-22.