
Calquera deputado está obrigado a informar dos bens que ten na súa posesión e, tamén, das rendas que percibe. Así figura no artigo 18 do Regulamento do Congreso e no artigo 160 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeneral (LOREG), que entrou en vigor en xuño de 1985. É o que se coñece como Declaración de bens e rendas.
Os deputados preséntana cando adquiren a condición de parlamentarios, pero ademais deben deixar constancia tamén cando se “modifiquen as súas circunstancias”. Os letrados do Congreso interpretan que non é necesario comunicar calquera cambio, por mínimo que sexa, pero si aqueles que sexan “substanciais”, segundo explicaron ao diario Público diversas fontes coñecedoras de como explican o sentido da norma cando lles pregunta algún deputado.
Público informou de que Alberto Núñez Feijóo non figura hoxe por hoxe no Rexistro da Propiedade como propietario dun inmoble na Coruña, que si constaba na declaración de bens que achegou ao Congreso en 2023. Este xornal contactou co PP para saber se se podía tratar dun erro do Rexistro ou se vendera a vivenda, pero un portavoz do partido non quixo aclaralo e limitouse a dicir que “toda a información que [Feijóo] ten que remitir remitiuna onde corresponde”.
A LOREG da lugar a unha zona de grises. O que di é que os deputados teñen que informar á Cámara cando adquiran a condición de parlamentarios e, ademais, “cando modifiquen as súas circunstancias”. Quere dicir iso que calquera modificación nos seus ingresos ou bens debe provocar unha actualización da declaración? Fontes xurídicas explican a este xornal que a interpretación que se fixo da norma non é esa, senón que o que debe producirse é unha modificación “substancial” dos seus bens ou rendas.





