“Feijóo asegura que a súa prioridade é traballar por Casado e Ayuso”

Declarou Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG

Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, percorreu hoxe, a poucos días da celebración do 25 de Xullo, o último tramo do Camiño de Santiago en compañía dos parlamentarios, deputados e senadores socialistas de Galicia.

Coa vista posta en que este ano Xacobeo coincide co ano “da vitoria fronte ao virus” grazas ao avance na estratexia de vacinación marcada polo goberno de España, Gonzalo Caballero destacou a importancia do Ano Santo para que sectores como “o comercio, a hostalería e o turismo poidan retomar a súa actividade logo de tantos meses de dificultades”.

Por iso, fixo un chamamento á “prudencia” neste momento de repunte dos contaxios fundamentalmente entre a xente moza. “Temos que cumprir as normas e as restricións e seguir vacinando, que é a maior garantía para todos e todas, para ter un Xacobeo 2021/22 con toda actividade”, recalcou o líder socialista.

Ademais, a ruta a pé dende o Monte do Gozo serviu tamén, en palabras do responsable do PSdeG, para exemplificar que “os e as socialistas seguimos a pé de país coa prioridade na reactivación de Galicia”.

“Seguiremos percorrendo todos os concellos de Galicia para estar en contacto coa xente, e con propostas para defender os servizos públicos, apostar pola xeración de emprego, impulsar as políticas sociais e traballar por que os fondos europeos se aproveiten tamén para a modernización dixital e ecolóxica de Galicia”, subliñou.

“Seguiremos percorrendo todos os concellos de Galicia para estar en contacto coa xente”

De feito, Gonzalo Caballero fixo fincapé no “compromiso galeguista, feminista, ecoloxista e de esquerdas” do PSdeG, un partido que está volcado nunha saída da crise “sen desigualdade” e sen que “ninguén quede atrás”. “Todos xuntos sairemos con máis forza”, recalcou, para deterse na situación que atravesa a xente moza do noso país.

“Queremos que os mozos teñan futuro en Galicia”, recalcou, para propoñer un plan de emprego xuvenil que dea oportunidades laborais a 3.000 mozos e mozas. “Hai que incluir aos mozos e ás mozas na reactivación de Galicia”, reivindicou o máximo dirixente do PSdeG.

Dous modelos
Deste xeito, Gonzalo Caballero contrastou a diferenza do modelo socialista co que se amosa no congreso do PP esta fin de semana.

“Hoxe temos un goberno progresista que apostou pola estratexia europea de vacinación e por un Plan Marshall que supón políticas expansivas de gasto público para facer fronte á crise, mentres o PP optou polos recortes e a austeridade na gran recesión”, comparou.

“O noso modelo pensa nas persoas e no benestar”, sinalou, crítico con que Feijóo diga que “a súa prioridade é traballar por Casado e Ayuso”. “A nosa é defender aos galegos e ás galegas e axudar á reactivación de Galicia”.

“Gonzalo Caballero aludiu ao ‘grande abrazo’ entre Feijóo e Ayuso como unha mostra da ‘dereita rancia á que non lle gustan os avances sociais e as liberdades”

Ademais, Gonzalo Caballero aludiu ao “grande abrazo” entre Feijóo e Ayuso como unha mostra da “dereita rancia á que non lle gustan os avances sociais e as liberdades” e ata os recorre, coma no caso da lei de eutanasia.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!