Expourense celebrará 11 feiras e 2 Campionatos de España de Atletismo en 2023

Destacando Termatalia, Xantar, o Mercado Transfronteirizo e o Salón do Vehículo Clásico

Ourense | O calendario feiral de Expourense para 2023 inclúe a celebración de 11 feiras, 2 das cales (Termatalia e Xantar) serán internacionais e outras 2 incorpóranse como novos proxectos (Mercado Transfronteirizo e Salón do Vehículo Clásico)

Este calendario de Expourense e o plan de actuación que inclúe os orzamentos para 2023 foron aprobados durante a última reunión do ano Padroado da Fundación Expourense na que participaron representantes das entidades que o integran: Xunta de Galicia, Concello de Ourense, Deputación de Ourense, ABANCA, Confederación Empresarial de Ourense-CEO e Concello de San Cibrao das Viñas. Esta reunión estivo dirixida polo director xeral de Comercio, Manuel Heredia, por delegación do presidente do Padroado, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde.

As dúas citas internacionais do ano serán Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar que se celebrará previsiblemente en Uruguai nos meses de setembro ou outubro e Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que terá lugar entre o 2 e o 5 de novembro de 2023. Regresa ademais ao calendario de Expourense, dado o seu carácter de cita bienal, Ourense Vinis Terrae, o Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade que celebrará a súa 10ª edición os días 5 e 6 de xuño.

Mercado transfronteirizo
Ás citas internacionais acompáñanlles outras feiras de carácter autonómico ou peninsular como Previsel (22 e 23 de marzo), Car Outlet (14 ao 16 de abril), a Feira de Antigüidades Antiq Auria (6 ao 8 de outubro), Salón do Automóbil Novo (13 ao 15 de outubro), Salón do Automóbil de Ocasión (20 ao 22 de outubro) e Sportur Galicia e o Congreso Internacional de Turismo Deportivo 30 de novembro e 1 de decembro). Como novidades, este ano celebrarase un Mercado Transfronteirizo (6 e 7 de maio) e o salón do Vehículo Clásico (25 e 25 de xuño).

A estas citas hai que sumar ademais unha vintena de competicións deportivas que van celebrarse ata finais do mes de marzo na pista de atletismo instalada no recinto, unha das mellores de Europa.

Entre estas probas destacan dous Campionatos de España de Atletismo: o Campionato de España de Clubs Copa RFEA e Copa Iberdrola (11 de febreiro) e o Campionato de España Sub-16 (25 e 26 de marzo). A estas citas deportivas haberá que sumar as que vaian celebrarse en novembro e decembro de 2023 porque aínda non está pechado o calendario deportivo para esas datas.