Exposición fotográfica e pictórica “Donde Nunca TuiYo”

Obra de Andrea Zermeno e David Quinteiro

Tui | Andrea Zermeno e David Quinteiro amosan, até o 1 de xuño, na Sala de Exposicións Municipal, no edificio Francisco Sánchez, a mostra “Donde nunca TuiYo”. A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, acompañou esta tarde a Andrea Zermeno e David Quinteiro na apertura da mostra.

Estes dous novos artistas tudenses ofrecen unha novidosa exposición que mestura fotografía, pintura e debuxos. “Donde nunca Tui” é un proxecto de deformacións fotográficas. Os autores sinalan que a mostra conta “cun guión dividido en tres actos: fotografías, óleos que as teatralizan e debuxos como produto de converxencia, facendo unha chiscadela ao rexeitamento polas artes absurdas da expresión máis nocturna”.

Engaden que “son escenas compostas de terra e vidro. Lugares e persoas que só existen na cámara de Andrea e no pincel de David. A través da linguaxe pictórica David emprega as fotografía de Andrea mantendo un mimetismo visual pero alterando para iso texturas ou formas e cores. Outras obras son doutras etapas pero enlazan perfectamente dentro da dialogo establecido. Os debuxos xorden como complemento facendo un conxunto máis amplo e compacto”.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, sinala que esta exposición que recolle esta proposta de Andrea Zermeno e David Quinteiro expresa a aposta do Concello de Tui pola promoción e apoio aos novos artistas da nosa cidade e contorna para que poidan amosar a súa produción artística, neste caso mesturando fotografía, debuxos e pintura nunha fórmula que resulta de grande interese e atractivo. A exposición “Donde nunca Tuiyo” pódese visitar ao longo deste mes de maio na Sala de Exposicións Municipal, en horario de luns a venres de 9 a 14 h e de 16 a 21 h e os sábados de 9 a 13 h.