Exposición “Fillos do océano” en Ponteareas

Do fotógrafo Javier Teniente e adicada ás persoas do mar
A exposición estará do 5 ao 27 de novembro no vestíbulo do Auditorio Municipal.

Ponteareas | O Concello de Ponteareas inaugurará o vindeiro venres ás 18.00 horas cunha presentación oficial a exposición “Fillos do océano” do fotógrafo Javier Teniente, unha homenaxe a todos os mariñeiros artesáns que viven por e para o mar; ámano e venérano, e obteñen del todo o preciso para a súa supervivencia.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima á veciñanza a asistir e lembra que a exposición estará aberta de martes a sábado de 11 a 13.30 horas ata o 27 de novembro.

No acto de presentación estarán presentes a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, a coordinadora adjunta de Cultura Afundación, Paloma Vela, o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, e o director de la oficina ABANCA de Ponteareas, Juan Carlos Fernández.

“A exposición tamén tenta facer unha chamada de atención sobre a vulnerabilidade dos ecosistemas mariños”

Javier Teniente explica que coa súa exposición tamén tenta “facer unha chamada de atención sobre a vulnerabilidade dos ecosistemas mariños, para que respectemos e preservemos os océanos da destrución que hoxe ameaza este medio tan fráxil e indispensable para a nosa supervivencia”. Para o artista “só así, conservando e respectando o medio natural, se manterán estas ancestrais culturas ligadas á pesca tradicional e artesanal”.

Teniente inicia o seu traballo profesional no diarios Faro de Vigo e Atlántico Diario, nos que desenvolve o seu labor como fotógrafo de prensa durante varios anos, ata emprender o seu percorrido como reporteiro.

Esta nova etapa levarao dun extremo a outro do mundo, cubrindo algúns dos máis importantes acontecementos das últimas décadas. Na actualidade traballa como fotógrafo independente, representado pola axencia Getty Images.

Entre os anos 1998 e 2005 colaborou como fotógrafo coa ONG Médicos do Mundo e cubriu conflitos bélicos e desastres naturais en diferentes lugares do mundo, entre os que cabe destacar os traballos realizados en Centroamérica (Furacán Mitch 1998), Kósovo (1999), Timor (1999), Iraq (2003), Haití (2004) ou o tsunami en Banda Aceh, Indonesia (xaneiro de 2005).

Gañou en dúas ocasións o prestixioso Premio Internacional Luís Valtueña de Fotografía Humanitaria (2003 e 2005), ademais de recibir o Premio Galicia de Comunicación (2004) e unha mención especial nos Premios Ortega e Gasset de Xornalismo (2006).

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos