Exposición dos castelos de Monforte e Castro Caldelas no “Padre Sarmiento”

Inaugurado polo Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” (IEGPS)

Monforte de Lemos | O Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” (IEGPS), centro mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia, inaugurou en Santiago de Compostela a exposición “Os nosos castelos da Ribeira Sacra, Castro Caldelas e Monforte de Lemos”, que permanecerá aberta ao público na sede do IEGPS (San Roque, 2) ata o 16 de febreiro en horario de 10.00 a 20.00 horas.

Trátase dunha mostra conxunta que reúne as dúas exposicións exhibidas en Castro Caldelas do 5 ao 19 de novembro e en Monforte do 26 de novembro ao 10 de decembro. Ao redor de ditas exposicións de organizaron concursos escolares de debuxo e impartíronse talleres de heráldica para o alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria de centros educativos das devanditas localidades.

Os seus obxectivos pasan por colaborar coas institucións locais na difusión do patrimonio histórico e monumental dos castelos; concienciar á sociedade acerca da importancia de conservar e valorar este tipo de elementos e, en xeral, potenciar a divulgación histórica de Castro Caldelas e Monforte, tanto na súa área xeográfica como fóra dela.

A mostra está deseñada polo grupo de investigación “Historia Social do Poder”, que desenvolveu nas últimas décadas proxectos de investigación achega do patrimonio histórico e documental de Galicia.

“Decidimos facer unha exposición divulgativa destes castelos por varias razóns. En primeiro lugar, as dúas fortalezas están en bo estado de conservación e son visitables. En segundo lugar, ambas foron fortalezas dos Castro, un das liñaxes máis importantes de Galicia entre os séculos XIV e XV”, explican os coordinadores da actividade.

Ademais, como iniciativa complementaria, o IEGPS puxo en marcha unha páxina web onde os usuarios poden visualizar os paneis divulgativos das exposicións, coñecer as principais biografías de personaxes históricos relacionados coas fortalezas a finais da Idade Media (séculos XIV- XVI), consultar galerías de fotografías de ambos os castelos e os debuxos galardoados nos concursos escolares sobre o castelo de Castro Caldelas e Monforte de Lemos.