Éxito de público na primeira edición do Barral Cultural en Ponteareas

O IES do Barral celebrou o 50 aniversario da obra Seraogna de Alfonso Pexegueiro

Ponteareas | O IES do Barral de Ponteareas vén de celebrar unha xornada que dedicou, principalmente, a conmemorar os 50 anos da publicación do libro Seraogna (de Alfonso Pexegueiro) mais tamén a dar a coñecer algúns dos proxectos en que o alumnado traballou durante todo o curso.

A comunidade educativa, coordinada desde o equipo da biblioteca, preparou, para o pasado venres día 24 de abril, unha xornada de portas abertas chea de actividades (xogos, retos, exposicións –arredor das palabras, das imaxes e das emocións–, viaxes no tempo, obradoiros, demostracións con IA, proxección de videocreacións, presentacións de composicións musicais baseadas en poemas do escritor ponteareán, exhibicións de baile tradicional, exhibicións de graffiti etc.) que puideron gozar centos de persoas que se achegaron ao centro para compartir a experiencia coas mozas e mozos que as realizaban. Entre elas, estiveron o propio Alfonso Pexegueiro e o escritor vigués Pedro Feijoo.

De entre as actividades, houbo unha que marcou o centro para sempre: a exhibición de graffiti. O artista tatuou na fachada principal do edificio uns versos, unha ilustración e o título da última edición do libro de Seraogna.

Ademais, o centro organizou 15 roteiros durante unha semana enteira (desde o luns 20 ao luns 27) que levou o alumnado, profesorado e familias polo mundo literario do escritor ponteareán que mudou o devir da literatura galega o 10 de maio de 1976. As visitas estiveron guiadas e dirixidas pola bióloga especialista e agricultora en ecolóxico Rosa Covelo Alonso. Estas actividades véñense a sumar á convocatoria do I Premio Seraogna de Poesía “A escola sen acoso” que o centro fixo no mes de febreiro e que resolverá no mes de maio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.