EU Son Porriño apoiará a moción de censura contra a alcaldesa Eva García de la Torre

Crise política co PP expectante para gobernar o Concello
EU SON Porriño aprobou en asemblea apoiar a moción de censura contra a alcaldesa Eva García de la Torre.

O Porriño | EU Son Porriño aprobou este 21 de novembro en asemblea cunha única abstención apoiar a moción de censura contra a alcaldesa Eva García de la Torre que o Partido Popular presentará previsiblemente esta mesma semana e que sairá adiante antes de Nadal.

“É complicada, é difícil, pero é a única saída que quedaba; chegado este punto, para adiante”, dixo a Efe a portavoz de EU no Porriño, Patricia Sío, quen subliña que a súa formación leva un ano negociando cos socialistas para constatar unicamente que non teñen intención de deixar de apoiar á alcaldesa, Eva García de la Torre, “un auténtico desastre” e orixe do problema.

García de la Torre afirmou a semana pasada que estaba disposta a botarse ao carón para que seguise á fronte da Alcaldía unha opción progresista, pero EU Son Porriño subliña que “non hai nada asinado” e que, en canto a credibilidade, “esta señora, cero”.

O paso dáse en contra da opinión da dirección rexional e de non poucos votantes da formación no Porriño. “Sabemos que de entrada é moito cante”, recoñece Sío, quen engade: “Cústenos o que nos custe o paso tiñamos que dalo porque non podiamos estar ata maio de 2023 nesta situación”.

Desmente Sío que exista ningún tipo de inquina persoal contra a aínda alcaldesa, pero lembra que “hai sentenzas do Contencioso que falan moi mal da súa xestión, así como informes do Consello de Contas”, ou que o Concello de Vigo esixe ao do Porriño un millón de euros por unha débeda da auga.

“É unha tras outra, non temos orzamento desde 2018, non hai PXOM desde 2003, non hai xestión e si desidia que se contaxia a todo o Goberno e ao propio funcionariado. O pobo é un desastre, hai ratas, non hai limpeza diaria, os parques infantís están fatal…”, continúa enumerando para falar dun “barullo absoluto” e de falta de proxecto político.