EU Ponteareas esixe ao Concello a instalación das marquesiñas na Praza Bugallal

Que están contempladas no proxecto urbanístico

Ponteareas/Esquerda Unida | O pasado 10 de xuño o goberno municipal de Ponteareas comunicaba á veciñanza a través dunha nota de prensa a apertura ao uso público da totalidade da Praza de Bugallal e o remate das obras. Pola contra, Esquerda Unida considera que non se pode dar por rematada a obra ata que estean instalados todos os elementos incluídos nos planos do proxecto que foi aprobado polo Pleno Municipal.

Esquerda Unida lembra que unha vez aprobado polo xurado o proxecto gañador do concurso establecido polo Goberno Municipal, convidouse aos grupos municipais a coñecer o proxecto e aportar as súas valoracións. Nese contexto, na reunión mantida en marzo de 2019 entre os arquitectos e os grupos municipais, o representante de Esquerda Unida, Lino Costas, manifestou as dúbidas desta organización en canto á funcionalidade do proxecto.

As dúbidas manifestadas por esta organización ían referidas á escasa funcionalidade da Praza unha ver realizadas as obras ao non contemplar ningunha zona cuberta que permitira a estancia na mesma en situacións climáticas adversas coma choiva ou sol extremo.

Foi por isto que finalmente o equipo redactor incluíu nos planos do proxecto a instalación de marquesiñas nas xardineiras numeradas nos planos como 9, 10 e 16. Algo que aínda que non melloraba significativamente o proxecto, si que si era un pequeno apaño.

Cuestión aparte é o feito de que unha obra que tiña un prazo de execución de seis meses tardara máis de dous anos e que nin sequera estea rematada tal e coma estaba contemplada nos planos. Asunto este sobre o que o goberno municipal ata o momento respondeu de xeito pouco convincente e sobre o que agardamos agora aclare tal e coma se comprometeu.

Debido a estas cuestións, considerando que o prioritario nos espazos públicos é que os mesmos permitan un adecuado uso e desfrute por parte da veciñanza, Esquerda Unida solicitou por rexistro de entrada no Concello que se faga cumprir co establecido nos planos do proxecto e se instalen as marquesiñas contempladas no mesmo.