EU Ponteareas e PODEMOS avanzan co seu programa electoral conxunto

Con xuntanzas abertas que continúan este martes 3 de xaneiro

Ponteareas/Esquerda Unida | O vindeiro martes 3 de xaneiro ás 19h terá lugar, na sede de EU en Ponteareas, a segunda reunión programática aberta de Esquerda Unida e Podemos. As temáticas a tratar nesta nova reunión serán as de medio ambiente e urbanismo.

Este xeito de abrir o debate a calquera persoa do pobo que queira colaborar na elaboración do programa electoral, alén da súa militancia e simpatizantes, responde a ideoloxía social e colaborativa dos dous partidos, que queren que os seu programa sexa 100% transparente e escoite e presente solucións tanxibles e reais os problemas da vila, deixando de lado os programas cheos de promesas valeiras e obxectivos irreais que soamente serven para facer campaña con fins populistas.

“A intención é contar para as eleccións cun programa claramente de esquerdas e posible de executar, que non caia en promesas valeiras pero que ao mesmo tempo sexa un programa con intención transformadora e que vaia máis alá da simple “xestión do que hai” á que nos teñen acostumados os actuais gobernantes” Declara Lino Costas, portavoz da confluencia en Ponteareas entre EU e Podemos.

Lino Costas, voceiro de EU Ponteareas.

Esta será a segunda reunión da súa axenda para elaborar o seu programa aberto para Ponteareas. A primeira tivo lugar a inicios de mes, e foi adicada aos temas de administración, economía e emprego. Nesta pasada xuntanza as dúas medidas propostas máis relevantes foron a limitación da retribución dos cargos municipais a dúas veces o SMI como máximo – garantindo así que os políticos da vila non cobren cifras infladas- , e a sinatura no caso dos contratos públicos – superiores a 40.000€ por obras e 15.000€ por servizos – dun código ético de loita contra o fraude e prevaricación.

Ademais incluíronse outras cuestións coma a aplicación de impostos do concello proporcional a renda dos individuos, a implantación da semana de catro días para os seus traballadores, o apoio a cooperativas ou a recuperación dos servizos privatizados coma o da auga, o lixo ou mesmo do Complexo Deportivo Álvaro Pino.

Dende economía e emprego a cultura ou dereitos LGTBI+
En total este ciclo de reunións programáticas está composto de 5 sesións abertas o público, cada unha centrada nun aspecto político e social vital para a vila. Así, logo da reunión do pasado 3 de decembro, o 3 de Xaneiro falarase de Medio Ambiente e Urbanismo; o 28 de Xaneiro de Sanidade ,Servizos Sociais, vivenda e saúde; o 25 de Febreiro de Feminismo, dereitos LGTBI+ e educación, e para rematar, o 25 de Marzo abordarase o campo da cultura, deporte mocidade e maiores.

Deste xeito Esquerda Unida e Podemos Ponteareas consideran que cada un destes campos, plasmados no que será o seu programa electoral final para as eleccións de Marzo de 2023, son o suficientemente complexos para merecer un debate por si mesmos, tendo unha sesión propia cun espazo aberto a escoita de diferentes puntos de vista.

Esquerda Unida e Podemos convidan a todas aquelas persoas que queiran colaborar, a sumarse a estas sesións e facer así un programa electoral feito polos habitantes e para os habitantes de Ponteareas dende unha óptica social e comprometida.