Estudarán a viabilidade do polígono empresarial A Guarda-O Rosal

"Suelo Empresarial" anunciou a contratación deste servizo técnico e xurídico-económico

A Guarda | A xerente da sociedade estatal “Suelo Empresarial del Atlántico” (SEA), Beatriz Sestayo, anunciou esta mañá, nun acto na Guarda, a contratación do Estudo de viabilidade técnica, xurídica e económica para retomar o polígono industrial compartido entre A Guarda e O Rosal.

“Dende SEA seguimos crendo que esta é unha zona extremadamente interesante para invertir, por iso o estudo está incluido nas prioridades para invertir neste mesmo exercicio e é dos poucos lugares nos que invertimos no encargo dos estudos. Comprometémonos unha vez e aquí estamos, para xerar máis oportunidades, solo empresarial e emprego en esta maravillosa zona”, remarcou.

Nunha rolda de prensa, na que estivo acompañada do alcalde da Guarda, Antonio Lomba e da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, Beatriz Sestayo informou do encargo do informe, froito do compromiso adquirido da reunión “moi positiva” que mantivera no Concello co sector empresarial e na que se testou a demanda existente.

“Tras un acto moi positivo, hoxe vimos dicir que xa está contratado o estudio técnico de viabilidade, xurídica e económica para retomar a construcción do polígono, na zona onde SEA ten terreo, en A Guarda e o Rosal”, sinalou.

O estudo, explicou, recollerá a necesidade de actualizar a normativa que está caducada, posto que o proxecto sectorial é do ano 2007, comprobando os informes que sexan preceptivos, así como procedendo a actualizar os custes e analizar a posibilidade de realizar o polígono por fases.

O estudo contratado por SEA ten un prazo máximo de tres meses polo que, segundo subliñou Sestayo, “en decembro veremos os resultados”.

“Dende SEA solicitamos a máxima premura e que sexa o máis completo posible para que o material do que dispoñamos sirva para acelerar os prazos, en caso de que a viabilidade saia como todas e todos os que estamos aquí esperamos”, engadiu.

Un millón de euros investidos
Suelo Empresarial del Atlántico xa dispón en propiedade de 45.000 metros cadrados na zona de desenvolvemento do polígono empresarial.

Na adquisición de terreos, así como na realización dos diferentes proxectos, a entidade estatal, dependente do Ministerio de Transportes, Axenda Urbana e Movilidade a través de Sepes, xa ten invertido 980.000 euros, preto dun millón de euros, que agora prevese que se poñan en valor.

A superficie bruta estimada do polígono empresarial, á espera da actualización dos distintos proxectos, situaríase nos 260.000 metros cadrados de superficie.

Proxecto estratéxico para A Guarda e O Rosal
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, incidiu na importancia do desenvolvemento deste espazo empresarial, para poder atraer oportunidades e fixar empresas na comarca.

“Temos moita xente nova que quere desenvolver aquí o seu proxecto vital e empresarial e queremos poder desenvolver unha comarca que ten moitas posibilidades, pero na que nos sentimos aillados. queremos saír do aillamento”, manifestou.

O rexedor da Guarda situou o polígono empresarial e a conexión da VAP como extratéxicos para que a comarca poida desenvolverse nos ámbitos nos que xa é unha potencia, como o turístico, e para asentarse tamén no eido empresarial.

“Neste polígono empresarial non temos dúbida, insistimos en que lle vemos futuro e llo queremos facer saber ós demáis”, para que “Galicia se desenvolva plenamente e se desenvolvan comarcas como a nosa”, expresou na rolda de prensa.

Aludiu, neste senso, a que se trata dunha zona transfronteriza na que se percibe como ao “outro lado do río”, en Portugal, estanse desenvolvendo polígonos tecnolóxicos como o de Caminha, que amosan o futuro que ten o entorno. Precisamente, lembrou que o único polígono para o asentamento empresarial, o de Areas en Tui, ven recentemente de colmatar o seu espazo dispoñible.

Doutra banda, tamén fixo referencia á necesidade de que se cumpran os compromisos da Xunta de Galicia para a comunicación entre Tui e A Guarda.

“Estaremos vixiantes, así llo dixemos á Xunta e á conselleira, para que ese proxecto siga adiante e así o insistimos tamén ante SEA, para que lle deran adiante a este proxecto”, concluiu. Moitas grazas Beatriz por crer no noso polígono e na nosa comarca.”

Alcaldesa do Rosal
Na mesa liña expresouse a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, que agradeceu a aposta de SEA por retomar un proxecto que permita asentar poboación na comarca.

“Para nós é un proxecto que non é un paso máis, é un gran paso no desenvolvemento non só da Guarda e O Rosal senón de toda a comarca”, expresou, cun “proxecto estratéxico para o asentamento poboacional e por unha cuestión tamén de denominación de orixe”.

Así, lembrou que na zona hay un tecido empresarial moi vencellado ao seu territorio que quere “desenrolarse aquí, medrar aquí, en sectores como o vitivinícola ou o a pesca”.

“É unha aposta segura, é necesario para seguir progresando e medrando, e é unha garantía de futuro, para que os nosos emprendedores poidan desenvolverse. Quedo agradecerlle moito a SEA e a Beatriz Sestayo a súa aposta”, concluiu.

Suelo Empresarial del Atlántico
“Suelo Empresarial del Atlántico”, dependente nun 83,44% do Ministerio de Transportes, xestiona en Galicia 13 parques empresariais, que suman máis de 4 millóns de metros cadrados.

Están situados nas provincias de Lugo –Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada e Rábade—, da Coruña –Malpica, Vimianzo, Cee, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Muros e Rianxo— e de Pontevedra –Vilanova de Arousa e Catoira-.

“Suelo Empresarial del Atlántico”, S.L., S.M.E., é unha sociedade participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (https://www.mitma.gob.es/) a través de Sepes; nun 14,91% pola Xunta de Galicia en un 1,65% por ABANCA.