
Ponteareas | O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Ensino, continúa traballando na procura dunha solución viable para mellorar os accesos peonís ao IES Barral e conectar o actual camiño seguro co instituto. Nos últimos meses mantivéronse diferentes reunións de traballo do equipo de goberno para estudar as posibles alternativas. Durante ese proceso analizáronse varias opcións, pero comprobouse que algunhas delas requirían atravesar ou ocupar terreos privados, o que dificultaba a súa viabilidade administrativa e técnica.
Ante esta situación, a Concellería de Ensino preparou unha primeira proposta baseada no aproveitamento do antigo tramo urbano da N-120, hoxe xa de titularidade municipal, para ampliar os itinerarios peonís seguros mediante novas beirarrúas, melloras na iluminación e actuacións de calmado do tráfico.
A alcaldesa, Nava Castro, lembra que “precisamente solicitamos o traspaso deste tramo da N-120 para poder actuar directamente sobre el e mellorar a seguridade viaria e peonil. Vanse executar actuacións importantes nesta contorna e seguimos estudando a mellor forma de conectala cos centros educativos”.
Esta alternativa foi presentada nunha reunión convocada pola Concellería de Ensino co equipo directivo do centro e coa ANPA, pero non contou coa unanimidade desta última, que solicitou seguir explorando outras posibilidades aínda que implicasen afeccións a fincas privadas.
Por iso, o Concello continuou traballando no tema e explorou unha terceira vía que permitise avanzar cara a unha solución máis consensuada e executable. Como resultado deste traballo, a Concellería de Ensino elaborou unha nova proposta que contempla a creación dun corredor peonil seguro duns 2,5 metros de ancho aproveitando a zona lindeira das instalacións educativas, sen interferir na actividade lectiva nin no acceso ao recinto escolar.
“O noso obxectivo é ofrecer unha solución viable, segura e executable que permita conectar ambos centros educativos e mellorar os desprazamentos diarios do alumnado”, detallou o concelleiro de Ensino, Ricardo González.
Esta alternativa xa foi abordada co xefe territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, así como coa unidade técnica de educación, que trasladaron unha valoración favorable á proposta. O proxecto foi tamén presentado á dirección do centro educativo e será exposto ao Consello Escolar previsto para o próximo 30 de xuño para coñecer as achegas e valoracións dos distintos membros da comunidade escolar.
Ademais desta actuación, o Concello continúa estudando outras posibilidades de mellora da mobilidade na zona a medio e longo prazo, entre elas a reordenación e mellora dos accesos entre a contorna do Centro de Saúde e a zona da gasolineira, actuacións que permitirían seguir reforzando a seguridade peonil neste ámbito educativo. A alcaldesa insiste en que “todas as partes perseguimos o mesmo obxectivo: que o alumnado poida chegar ao centro con total seguridade. Por iso pedimos confianza e responsabilidade para analizar conxuntamente as propostas que se presentarán no Consello Escolar antes de descartar solucións que poden ser beneficiosas para o conxunto da comunidade escolar e para a seguridade do alumnado”.
Mobilización da ANPA Luís Pardo
A comunidade educativa do IES do Barral convoca unha manifestación este luns 15 de xuño para reclamar ao goberno do Concello de Ponteareas un acceso peonil digno e seguro ao instituto. A marcha partirá ás 18:15 horas dende o IES do Barral.
A ANPA Luís Pardo puxo de manifesto a grave problemática existente en materia de seguridade viaria derivada da falta dun acceso peonil seguro para o alumnado do centro. Na actualidade, o alumnado está obrigado a transitar pola N-120 para acceder ao instituto, unha circunstancia especialmente preocupante por tratarse dunha vía con elevada intensidade de tráfico e que constitúe unha importante arteria de comunicación entre a vila, as parroquias e os concellos limítrofes. Ademais, en numerosas ocasións a visibilidade vese reducida por condicións meteorolóxicas adversas, como a néboa, o que incrementa notablemente o risco para os peóns.
Cómpre sinalar que este tramo viario é actualmente de titularidade municipal. Segundo lembra a ANPA, o Goberno local é coñecedor desta problemática, xa que en marzo de 2025 mantívose unha reunión con representantes municipais na que se abordou esta cuestión e trasladaron o compromiso de procurar unha solución.
“O concelleiro de Ensino expuxo unha proposta que, ao entender desta comunidade educativa, non resolve a demanda formulada desde hai anos, xa que continúa obrigando o alumnado a transitar pola N-120 para acceder ao seu centro de ensino”, sinala a ANPA. Neste sentido, a comunidade educativa reitera que a solución solicitada pasa por habilitar un acceso seguro pola entrada principal do centro, evitando o tránsito por unha vía que consideran especialmente perigosa. Dende a ANPA non temos coñecemento de alternativa algunha motivo pola cal convocamos esta manisfetación.
Outras das reclamacións formuladas son a instalación de marquesiñas nas paradas de transporte escolar e a colocación de novos puntos de iluminación pública. Estas actuacións foron comprometidas polo Goberno local sen que, ata o momento, se producise ningún avance.
Recta final para a mobilidade peonil en Fontenla
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, acompañada polo tenente de alcaldesa Juan Carlos González, e a deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Belén Cachafeiro, visitaron as obras de mellora da mobilidade peonil que se están a executar na estrada provincial EP-4001, ao seu paso por Fontenla, para comprobar o avance dunha actuación que permitirá mellorar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos a pé nun dos puntos con maior tránsito do municipio.
Durante a visita, ambas responsables destacaron o bo ritmo dos traballos, que permitirán completar un itinerario peonil seguro nun tramo especialmente utilizado pola veciñanza para acceder aos centros educativos IES Val do Tea e CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera, así como ao centro de saúde e o cemiterio de Ponteareas.
A actuación abrangue o treito comprendido entre os puntos quilométricos 0+810 e 1+710 da EP-4001 Ponteareas-Guillade, dando continuidade ás actuacións realizadas previamente polo Concello para mellorar a mobilidade peonil desde o núcleo urbano.
O proxecto contempla a construción dunha senda peonil, a implantación de medidas de calmado do tráfico coa limitación da velocidade a 30 quilómetros por hora e a execución de varios pasos sobreelevados que permitirán conectar de forma segura os accesos existentes. Ademais, habilitaranse zonas de convivencia en puntos estratéxicos do percorrido para reforzar a seguridade viaria e incrementarase a seguridade para a accesibilidade do alumnado do IES do Barral.
Os traballos inclúen tamén a renovación da rede de pluviais, a mellora do alumeado público e a reposición da capa de rodadura, así como a correspondente sinalización horizontal e vertical.
A deputada provincial Belén Cachafeiro, “nestes momentos as obras de mellora da funcionalidade e seguridade da vía -que contan con financiamento da Unión Europea a través do Plan de Sostibildiade Turística en Destino Condado-Paradanta. Unha terra entre ríos- avanzan a bo ritmo. O noso obxectivo con esta actuación é darlle prioridade ao tránsito peonil, incrementando o espazo ocupado polas beirarrúas e creando zonas de convivencia nos treitos nos que o ancho non permite o cumprimento das condicións de accesibilidade”, subliñou Cachafeiro.
A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, salientou que “esta actuación supón un paso moi importante para seguir construíndo unha Ponteareas máis segura, accesible e pensada para as persoas. Estamos a falar dun tramo moi utilizado diariamente por estudantes, familias e usuarios do centro de saúde, polo que esta mellora terá unha repercusión directa na calidade de vida da veciñanza”.
A alcaldesa, Nava Castro destacou a colaboración institucional coa Deputación de Pontevedra para facer realidade este proxecto. “Cando as administracións traballan da man conseguimos dar resposta a necesidades reais da cidadanía e executar actuacións que melloran o día a día dos nosos veciños e veciñas”, sinalou.




