“Estamos avanzando un goberno de coalición PP-Espazo Común”

Roberto Carrero | Alcalde da Guarda

A Guarda deu un cambio político municipal tralas eleccións do 28M. O pasado 17 de xuño foi designado como alcalde Roberto Carrero (PPdeG) para gobernar en minoría por ser a lista máis votada. No obstante, o novo rexedor guardés asegura que está avanzando un acordo con Espazo Común para gobernar en coalición.

O Partido Popular (PP) volve a gobernar na alcaldía guardesa. Que prioridades ten en mente e que retos afronta no seu novo goberno?
En primeiro lugar organizar tódolos departamentos do Concello. En segundo lugar tentar levar a cabo todos e cada un dos elementos que figura no noso programa e as obras elementais. E como obxectivo máis prioritario, dado que xa estamos no mes de xullo, comezar as obras de rehabilitación da rotonda na Praia do Muíño dado que o anterior goberno manifestou desidia coas mesmas.

Gobernará en minoría. Entende vai ser capaz de chegar a acordos coa oposición?
Será unha situación complicada e dura. De tódolos xeitos seguimos en conversas con Espazo Común para tentar chegar a acordos coa posibilidade de chegar a un goberno de coalición.

Están avanzados eses contactos con Espazo Común?
Si, practicamente está pechado.

Podemos dar por feito que haberá un goberno de coalición entre o PP e Espazo Común?
Si, efectivamente. Será o luns 10 de xullo (esta entrevista fíxose o día 7 de xullo), a máis tardar, cando cheguemos aos acordos.

Recentemente estivo na Guarda o Conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares. Próximamente terá unhas xornadas coa Organización de Palangreiros da Guarda (OR.PA.GU) Cos problemas que actualmente hai no mundo da pesca, cre que o Concello da Guarda deberá diversificar os seus recursos económicos?
Evidentemente, como soe dicirse, “se pós os ovos na mesma cesta soen cascarse”. Neste caso nós como goberno municipal non só imos seguir potenciando as actividades marítimo-pesqueiras que forman parte do tecido produtivo da Guarda senón que tamén queremos, tal e como o levamos no noso programa cos que nos presentamos ás eleccións municipais, apostar por un turismo de calidade. Isto é unha prioridade. E nestas zonas onde estamos que temos o Camiño de Santiago temos un compoñente que é a desestacionalización. Actualmente temos xente que está entrando, pernoctando e consumindo na Guarda durante todo o ano.

“A entrada inicial a Galicia do Camiño Portugués pola Costa é A Guarda”

Precisamente pola Guarda transita o Camiño Portugués pola Costa, unha ruta de peregrinación que ten moita promoción. No anterior goberno municipal na Guarda houbo algúns roces co seu similar de Tui polo asunto da sinalización deste Camiño. Cre que poderá resolver este problema?
A entrada inicial a Galicia do Camiño Portugués pola Costa é A Guarda, pero o Camiño Portugués que se potenciou inicialmente dende o xurdimento do Camiño Portugués é Tui. Son fundamentalmente compatibles. Por tanto, non vai ser un problema para nós.

Seguimos con Portugal, agora coa cooperación transfronteiriza. Teremos Eurocidade con Caminha?
Si, ademais este 6 de xullo mantivemos unha xuntanza coa vereadora de Caminha Liliana Silva (PSD) na que estivemos avanzando nesta posibilidade. E non só iso, o vindeiro 11 de xullo virá aquí tamén o presidente da Cámara Municipal de Caminha (Rui Miguel Rio Tinto Lages) e trataremos ese tema, entre outros.

“Existe receptividade para crear a Eurocidade con Caminha”

Terá algunha singularidade esta Eurocidade co respecto ás outras como Tui-Valença ou Cerveira-Tomiño?
Creo que non debemos adiantar acontecementos. Debemos acometer as prioridades dun goberno e doutro. Ver no que podemos apostar entre as dúas ribeiras do Miño e a partir de aí avanzar en aspectos que serán interesantes para os conciudadanos e tamén para os medios de comunicación. Obviamente, existe receptividade.

Estamos ante as eleccións xerais do 23X. Nas últimas eleccións municipais do 28M, o PP obtivo resultados importantes no Baixo Miño e Val Miñor. Que lectura pode facer deste feito tomando en conta non só estas eleccións xerais senón tamén as autonómicas do 2024?
Eu creo que as perspectivas son completamente diferentes. A xente vota en claves distintas tanto nas eleccións xerais como nas municipais e autonómicas. Considero que os proxectos municipais do Partido Popular a nivel xeral na comarca do Baixo Miño foron solventes, con candidaturas sólidas e que presentaron á cidadanía cales eran os principais eixos polos que deberían pilotar un verdadeiro cambio en tódolos aqueles Concellos nos que non estábamos gobernando. Por outra parte as eleccións xerais plantéxanse como un plebiscito a propósito da esquerda ou da dereita. Dous bloques tremendamente polarizados creo que pola inconsciencia do goberno central de non ser capaz de chegar a pactos con partidos de goberno e céntranse noutros aspectos absolutamente secundarios.

“O VAC con Tui é unha obra prioritaria para A Guarda”

Como ve as comunicacións da Guarda co seu entorno, tanto en dirección a Tui como a Vigo?
Eu xa lle dixen á Conselleira de Infraestruturas (Ethel Vázquez) que este vial (a Vía de Alta Capacidade, VAC con Tui) é unha obra prioritaria para A Guarda. Non imos desistir no intento que máis pronto que tarde poidamos dalgunha maneira rematar ese vial de alta capacidade que leva anos paralizado. Moita da parálise foi por parte do propio Concello do Tomiño polos diferentes trazados que se foron propoñendo e supoño que tamén por un interese político para “venderlle” este tema aos votantes do BNG.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.