Ponteareas/Esquerda Unida | O pasado venres 13 de maio, o BNG e o PSOE aprobaron definitivamente o Orzamento Xeral do Concello de Ponteareas para o exercicio de 2022 ao rexeitar as tres alegacións que se presentaron en prazo.
Entre as alegacións presentadas estaba a rexistrada polo Coordinador Local de EU, Lino Costas na que se pedía que se subiran á páxina de transparencia do Concello, xunto coa outra documentación relativa aos orzamentos, as liquidacións do exercicio anterior tal e coma establece a lexislación.
No dito pleno, o concelleiro de facenda asegurou que se respondera á alegación enviando a documentación requirida, o que non é certo. Si é certo que se incluíu na páxina de transparencia a documentación que faltaba, pero sen comunicarse de ningún xeito co alegante. De feito, a día de hoxe EU aínda non dispón de ningún informe que xustifique o rexeitamento da alegación.
O que si está claro que dende o concello faltouse á debida transparencia ao non ter a disposición da veciñanza as liquidacións do exercicio anterior para poder valorar con criterio a proposta de orzamentos para o 2022.
Non era suficiente subir a documentación que faltaba, se non que dende o concello deberían prorrogar o prazo de exposición pública para que a veciñanza puidera estudar a documentación co debido tempo, algo que non fixeron. Este feito motivou que a alegación de EU de manter a partida de axudas de emerxencia e aumentar a do Centro de Reparto de Alimentos, non fora rexistrada dentro do prazo.
Quedou así aprobado o orzamento xeral de Ponteareas para o 2022 cunha moi limitada posibilidade de participación. Un orzamento con importantes recortes en materia social, rebaixando 90.000 euros as axudas de emerxencia e 5.000 a dotación económica do Centro de Reparto de Alimentos ao mesmo tempo que renuncia ao xa de por si raquítico canon anual de 3.680 euros que paga a empresa concesionaria do complexo deportivo e que aumenta en 21.000 euros o previsto para órganos de goberno.