Esquerda Unida Ponteareas defende a necesidade dos carrís bici

Pide contemplar esta iniciativa nas novas actuacións viarias

Ponteareas/Esquerda Unida | O Goberno municipal está a intensificar, a un ano das eleccións locais, o investimento e a execución de obras de mellora do espazo público no ámbito do casco urbano. Esquerda Unida comparte a necesidade da remodelación das rúas e concorda coa estratexia de reducir o tráfico rodado do centro da vila.

Se ben o proceso debería ter sido máis participado entre veciñanza e goberno, entra dentro do noso programa a recuperación para a maioría da veciñanza o que ata o de agora pertencía ós vehículos privados.

Porén, creemos que debemos salientar que o goberno PSOE-BNG está deixando escapar unha oportunidade que podería conxugar o redeseño das rúas de Ponteareas co inicio dunha estratexia de nova mobilidade para as ponteareás e ponteareáns. Reducir o uso do coche non se consegue so pondo dificultades ó seu uso; é preciso unha ou varias alternativas.

O esforzo de investimento que se está a producir nestes últimos meses poderían ser mellor aproveitados se á vez de cambiar un pavimento por outro, fósemos quen de habilitar as infraestruturas para a nova mobilidade. É algo que terá que chegar máis cedo ou máis tarde, pero que deixando escapar a oportunidade de hoxe, custaranos máis cartos.

Ponteareas carece neste momento dunha infraestrutura adecuada para considerar a bicicleta unha alternativa real de mobilidade. Propomos que de inmediato se redeseñen as actuacións das rúas en obras, e as vindeiras que virán, para incluír uns carrís bicis que conecten os principais puntos de afluencia de persoas (centros educativos, piscina e pavillón municipal, zonas industriais, parroquias próximas ó centro urbano…).

As obras de carácter municipal poden ser modificadas de inmediato. Entendemos que as outras obras que son de carácter supra municipal (estrada a Salvaterra, N-120, etc.) deben ser obxecto de revisión do proxecto e animamos ó goberno municipal a tratar de conseguir das institucións competentes a actualizar do deseño para incluír estas infraestruturas fundamentais para a nova mobilidade.

Así mesmo, consideramos que non se está a considerar a colocación de aparcadoiros de bicicletas diante das institucións publicas, supermercados, farmacias, etc., nos cambios do mobiliario urbano que estamos a observar e que tamén favorecen o uso da bicicleta como elemento de transporte.

En definitiva, Esquerda Unida considera evidente a falta de interese do goberno municipal nun cambio de modelo de mobilidade ó non contemplar ningunha medida ó respecto. As actuacións duras, aquelas que están a conlevar de obras en profundidade, tan so obedecen a un cambio máis estético que estrutural e que en ningún caso teñen en conta un cambio de modelo para un máis sostible e que aporte alternativas e solucións para a loita contra o cambio climático e para unha Ponteareas máis saudable.