Escolas deportivas gratuítas para este verán en Ponteareas

Aberto o prazo de inscrición dunha ducia de actividades

Ponteareas | O Concello de Ponteareas xa ten aberto o prazo de inscrición para participar nas escolas deportivas gratuítas que se desenvolverán durante os meses de verán. Un total de dez modalidades deportivas diferentes que compoñen unha oferta variada e moi completa na que a rapazada poderá coñecer e probar novos deportes. Tenis, wushu e taekwondo, patinaxe, baloncesto, fútbol, natación, ciclismo, petanca ou hóckey son algunhas das modalidades que figuran neste amplo programa deportivo para xullo e agosto.

A alcaldesa, Nava Castro, convida a todos os nenos e nenas a participar nalgunha destas escolas deportivas, “unha oferta pensada para que infancia e mocidade desfruten do seu tempo de lecer de xeito saudable e educativo”. “Con estas iniciativas buscamos crear un ambiente propicio para o desenvolvemento físico e mental de mozos e mozas nunha época do ano na que dispoñen de moito tempo libre á vez que lles ofrecemos oportunidades de aprendizaxe nun ambiente amable e divertido”, resalta.

As persoas interesadas poden xa realizar as inscricións nas distintas modalidades enviando un correo electrónico a deportes@ponteareas.gal ou de forma presencial no departamento de Deportes, situado no andar baixo do Concello.

Os rapaces e rapazas poderán practicar así tenis co Club Tenis Ponteareas en xullo e agosto na Freixa, wushu e taekwondo co Club Sport Factory no Fermín Bouza Brey ou no IES Val do Tea ou patinaxe co Club Luar, baloncesto co Club Baloncesto Ponteareas e hóckey no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino. Tamén poderán desfrutar da auga e da natación da man do Club Natación Ponteareas, da bicicleta co Club Ciclista Ponteareas ou mesmo coñecer a petanca nas Pombas co Club Petanca Ponteareas. Para aqueles nenos e nenas que prefiran o fútbol, poderán participar nas escolas deportivas organizadas pola SD Cultural Areas ou o Sporting Club San Mateo ou no de tecnificación da Escola Deportiva Futsal.