Escolas de Lugo, Marín e Gondomar gañan o concurso “Contádenos o voso Día das Letras de Xela Arias”

Convocado pola Real Academia Galega
Os centros de educación infantil e primaria Manuel Mallo Mallo (Lugo), do Carballal (Marín) e Souto-Donas (Gondomar) foron os gañadores do concurso.

A Coruña | Os centros de educación infantil e primaria Manuel Mallo Mallo (Lugo), do Carballal (Marín) e Souto-Donas (Gondomar) son os gañadores do concurso Contádenos o voso Día das Letras, convocado pola Real Academia Galega a través do proxecto dixital Primavera das Letras, que fornece a comunidade educativa de infantil e primaria de recursos para profundar na figura á que a institución rende homenaxe cada 17 de maio.

A edición dedicada á celebración escolar das Letras de Xela Arias contou coa participación de 125 centros de toda Galicia.

No CEIP Manuel Mallo Mallo de Lugo, entre outras propostas, o alumnado reinterpretou de xeito creativo contos de Non te amola!, a obra narrativa da protagonista do Día das Letras Galegas 2021 que permaneceu inédita ata este ano.

Os nenos e nenas de menor idade déronlle forma con plastilina ao relato Hai un monstro no váter, noutros cursos graváronse as representacións teatrais de Carlota quere facerse tendeira e Os avós son coma o cine, no caso de Andei investigando que facer realizouse unha adaptación ilustrada e tamén se escribiron finais distintos para as historias inspiradas na infancia de Xela Arias.

O CEIP do Carballal (Marín), que xa resultara premiado na edición dedicada a Carlos Casares, volveu apostar pola música e o audiovisual para lle render homenaxe a Xela Arias cun videoclip protagonizado polo alumnado de 4º e 6º de primaria. A peza Canto sei! comeza cunha dramatización inspirada tamén en Non te amola! e baséase nun poema de Darío a diario, o libro que a autora publicou sobre a maternidade. A coreografía, argallada por Lola, alumna de 6º, púxose en escena coa participación masiva do alumnado do centro.

No CEIP Souto-Donas de Gondomar o alumnado de infantil elaborou un mural en forma de crebacabezas con distintas técnicas artísticas partindo da Xela Arias nena que lle puxo imaxes á primeira edición d’Os soños na gaiola de Manuel María.

En primaria os nenos e nenas crearon debuxos para os versos da homenaxeada e a celebración completouse cunha biografía audiovisual. A peza contou coa participación do alumnado e a colaboración do editor Fran Alonso, a Fundación Manuel María e o grupo musical A Banda da Loba.

Os tres colexios gañadores serán agasallados cun lote de libros e todos os participantes recibirán un diploma acreditativo. A Real Academia Galega convoca este concurso e desenvolve o conxunto do proxecto Primavera das Letras co apoio da Deputación da Coruña.