Escola Municipal de Música do Porriño busca novos alumnos

A reserva de praza poderá solicitarse ata o 19 de xullo

O Porriño | A Escola Municipal de Música do Porriño abriu o prazo de inscrición previa de novo alumnado para o curso 2023/24. Así, poderase solicitar praza ata o 19 de xullo de modo presencial, no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, ou ben de modo telemático, a través da Sede Electrónica. A folla de solicitude, que se debe entregar cuberta, pode descargarse da web municipal ou ben recollela no Centro Cultural, de 9 a 14 h.

Cabe destacar que a orde de entrega da inscrición será determinante na orde de matrícula e que a matrícula definitiva formalizarase no mes de setembro, despois da publicación das listas das persoas admitidas.

A oferta da Escola Municipal de Música do Porriño é ampla, incluíndo música e movemento para nenas e nenos dende os 4 anos, linguaxe musical para todas as idades e as especialidades de violín, viola, violonchelo, percusión, guitarra, piano, canto, gaita, clarinete, frauta traveseira, saxofón, oboe, fagot, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión tradicional. Tamén conta con agrupacións como a coral infantil, a coral polifónica, o grupo de música tradicional, a orquestra de corda e a banda.

Curso sobre o cambio climático na aula UNED
A aula UNED do Porriño acolle este verán o curso de extensión universitaria “Efectos do cambio climático en España e a problemática da súa comunicación”, impartido por profesionais da AEMET. A formación desenvolverase do 5 ao 7 de xullo e contempla un total de 20 horas lectivas (1 crédito ECTS).

Nos últimos anos os efectos do cambio climático fixéronse cada vez máis notorios, cun incremento dos fenómenos meteorolóxicos extremos. Trátase dun cambio rápido das condicións climáticas que se deixa sentir nos ciclos biolóxicos dos seres vivos, na saúde das persoas e nos nosos mares, fonte indispensable de recursos.

Por todo isto, é necesario concienciar á poboación de que supón o cambio climático para o noso país, ubicado nunha das zonas máis vulnerables aos cambios de todo o planeta, e que podemos esperar nas próximas décadas.

Neste curso analizaranse todas estas cuestións e abordarase a problemática da súa comunicación.

A actividade permite ao estudante participar con asistencia presencial o asistencia online en directo ou diferido, sen necesidade de ir ao centro. A inscrición pode formalizarse a través da web da UNED.