Escoba de Platino 2026 ao Concello de Monforte

Pola integración do punto limpo e o centro verde no servizo de limpeza e recollida de lixo

Monforte de Lemos | O Concello de Monforte de Lemos vén de ser distinguido coa Escoba de Platino 2026, un dos galardóns máis relevantes a nivel estatal no ámbito da limpeza urbana e da xestión de residuos, outorgado pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos, Aseo Urbano y Medio Ambiente (ATEGRUS)

O recoñecemento pon en valor a aposta do alcalde, José Tomé Roca, e do seu equipo de goberno, por un modelo integral baseado na integración do punto limpo e do centro verde dentro do servizo municipal de recollida de residuos e limpeza viaria, e sitúa a Monforte de Lemos como un referente na xestión ambiental municipal, destacando pola súa aposta pola integración de servizos, a dixitalización e a mellora continua. Esta integración, implantada en xuño de 2025, permitiu superar as limitacións do modelo anterior, no que ambas instalacións funcionaban de maneira independente ao servizo de recollida, e mellorar a eficiencia e a coordinación na trazabilidade dos residuos.

A Escoba de Platino 2026 é a 4ª desta categoría que obtén o Concello de Monforte de Lemos nos últimos seis anos, tras recibir o galardón tamén nos anos 2020, 2022 e 2024. Previamente, obtivo a Escoba de Prata en 2012 e a de Ouro en 2014. O rexedor, que recollerá o premio o vindeiro 10 de xuño en Madrid, indica que “esta Escoba de Platino supón un recoñecemento ao traballo realizado para modernizar e facer máis eficiente un servizo esencial para a cidadanía. Apostamos por unha xestión integrada, sostible e coordinada, e os resultados demostran que imos polo bo camiño”.

Salienta, ademais, que este galardón “supón un novo recoñecemento ao traballo ben feito cando no ano 2023 iniciamos o programa de implantación da recollida de lixo orgánico no Concello de Monforte, sendo un dos primeiros concellos da provincia de Lugo en facelo”. O Concello de Monforte obtivo a Escoba de Platino 2024 “polo seu plan de xestión de materia orgánica adaptado ás necesidades dos cidadáns”. No ámbito urbano mediante sistema de cubeo, porta a porta, no periurbano a través de contedores con peche de chave e na zona rural entregando composteiros individuais para que, unha vez formados, produzan o seu propio compost”.

Actualmente, o Concello mantén activa a campaña informativa “RecicLemos de xeito sostible” para a mellora da xestión dos residuos orgánicos e da compostaxe no municipio que inclúe accións na rúa e nos centros educativos co obxectivo de sensibilizar a toda a poboación das vantaxes da compostaxe doméstica e da importancia de facer un bo uso do colector marrón. A iniciativa achega, de balde, colectores domésticos e composteiros individuais aos veciños e veciñas que o solicitan a través dun formulario ‘on line’ na páxina web municipal.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.