Entregados os Civitas Honoris a quenes contribuíron á proxección internacional do Arde Lvcvs

Os galardoados foron a ex concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, o artista e muralista, Yoe 33 (Manuel Pallín) e o fotógrafo Julio Riego San Martín

Lugo | Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, entregou o sábado 24 de xuño os Civitas Honoris, “distinción que vos queremos dar en agradecemento á promoción, colaboración e posta en valor da nosa cidade e do noso pasado romano a través do Arde Lvcvs”, sinalou a rexedora.

Nesta ocasión, os galardoados foron a ex concelleira Rosana Rielo, “precursora do Arde Lvcvs que hoxe coñecemos”; o muralista e artista gráfico Manuel Pallín, máis coñecido como Yoe 33, autor da castrexa Coopora “que xa nos saúda a todos e todas dende o adarve da Muralla” e o fotógrafo Julio Riego San Martín (tan emocionado que non puido falar) , “un dos mellores embaixadores das nosas festas que dunha maneira anónima e desinteresada leva moitos anos retratando con grandeza esta celebración de recreación histórica”, explicou Lara Méndez.

A alcaldesa entregou os galardóns, representados cunha reprodución da Ponte Romana, agradecendo aos tres “a súa entrega, implicación e participación na creación, proxección e divulgación do Arde Lvcvs”, respectivamente.

“Ese traballo e o de todas as asociacións e colectivos que durante todo o ano preparan con mimo estes festexos foi o que acadou o recoñecemento internacional que xa ostentamos”, engadiu Méndez.

O acto, que tivo lugar, como de costume, no fondo da Praza Maior continuou co recoñecemento ás asociacións que celebran nesta anualidade o seu décimo aniversario: Guardia Pretoriana, Salesiani Luci Augusti, e Mercenarios Galaicos, ás que tamén se lles entregou como agasallo a reprodución da Ponte Romana.

Finalmente, a rexedora saudou ás asociacións procedentes doutras cidades que este ano participan no Arde Lvcvs: Astures de Carabanzo, Hermanos de Armas de La Rioja, Gaebolgh de Leon, Civitas Limicorum de Xinzo de Limia, Asociacion Casturventosa de Cacabelos, A Castronela de Friol, Astures y Romanos de Astorga, Ludus Bergidum Flavium de Cacabelos, Caballeria Lusitana de Cartagena, Guerras Cantabras de Corrales de Buelna, Artivm Ac Vitae de Jaen, Collegium Emeritae de Mérida. A alcaldesa entregou a cada unha delas como recordo un libro da Muralla.