Entre o 28M e o 23X.

Eu veño afirmando, e nelo me ratifico, que os medios de comunicación son tóxicos. Antes, durante e despois das pasadas eleccións deron mostras dabondo dunha falta de ética informativa abraiante. Non se discute aquí a existencia de medios conservadores e medios máis progresistas senon a falta de vergoña sobre determinadas afirmacións nunca contrastadas, cando non directamente falsas.

Vanme a permitir que lles ofreza unha especie de popurri con distintas informacións que todos, polo menos os que nos preocupamos de estar informados, puidemos ler e escoitar nos diferentes medios.

En Galicia os medios pesebristas  dan ao PP como gañador das eleccións ando a cousa non é tan clara. Se trasladamos os votos de cada partido (PP= 554.112 votos; PSdeG = 420.377 votos; e BNG = 248.676 votos) e os sumamos nunhas eleccións autonómicas era moi posible que os populares perderan a Xunta. Como todos sabemos, o Sr. D’ Hont coas candidaturas que conseguen poucos votos fainas desaparecer directamente, pero se foran unhas autonómicas ou xerais onde se concentra o voto en menos opcións as cousas poderán variar substancialmente.

Se entramos nas entrañas estatais podemos acceder a un montón de opinións, pero na súa maioría dan aos populares como gañadores dunha maneira total e definitiva. Aquí é onde creo que se equivocan. Aínda que as eleccións do pasado 28-M se formularon como unha xerais non foi así; logo os votos obtidos por cada forza política xa non se poden ler exactamente igual que nunha xerais.

Non temos mais que sumar a cantidade de votos perdidos por tantas opcións políticas de pequeno fuste que non acadaron ese 5% necesario para conseguir actas nos Concellos ou nas Deputacións. Pero se aceptamos que esas forzas políticas se presentan xuntas nunha mesma candidatura nas vindeiras eleccións xerais podemos concluír que aí aniñan un montón de actas de parlamentarios.

Nas pasadas eleccións  os medios de comunicación fixeron un traballo sucio en xeral. Queremos salvar da queima algúns medios dixitais (nestes momentos os máis fiables sempre que  non teñan detrás opcións políticas conservadores ou empresarios interesados en embarrar o mundo da política) que nos informaron con bastante obxectividade descubrindo mentiras, embustes, que corren polas redes sociais como se foran verdades. Como os españois, en xeral, non se preocupan de estar debidamente informados, todo o que se diga neses medios se, ademais, coincide co que queremos escoitar ou ler, pois xa temos o caldo de cultivo preciso para que sementemos todo tipo de malas sementes que no eido da política tanto abunda.

José Luís Sánchez Gómez dende Granada escribe en cartas ao Director de El País: “Qué alivio. Adiós al sanchismo. Por fin adiós a la subida del salario mínimo, a la ley rider, a la creación de empleo, a los más de 20 millones de afiliados a la Seguridad Social, a una legislación laboral que recupera derechos y protege a los trabajadores, a la primera ley de vivienda que, entre otras cosas, evitará la venta de suelo público a los fondos buitre, a la revalorización de las pensiones, al impuesto a las grandes fortunas, a la bajada del IVA en productos femeninos, a la equiparación del permiso de paternidad y maternidad, a la ley de eutanasia, a la “excepción ibérica”, a la normalización del conflicto catalán, a la gigantesca inversión en transición ecológica, a los impuestos a las entidades financieras y a las empresas energéticas, a la Ley de Memoria Democrática, a la ley trans, a la ley del “solo sí es sí”, o al pacto de Estado contra la violencia de género. Y todo esto saliendo de una pandemia y con una guerra en Europa. ¡Que alivio!. Por cierto, a Feijóo: despues del sanchismo, que nos va ofrecer?”

En Galicia, aínda nos lembramos aquelas eleccións de 2005 nas que o Sr. Feijóo, daquela home forte do PP en Galicia, non tivo reparos en estender o bulo de que se podería dar un pucheirazo no voto por correo que viña de Arxentina, Uruguai ou Venezuela esixíndolle a Zapatero custodiar coa policía as sacas que ían chegar da emigración; así como que o Vicepresidente do Goberno Galego maltrataba a súa parella. Logo xa chove sobre mollado.
Unha señora opinaba que o País está sucio, fatal, cheo de ladróns e de okupas, aínda que o seu barrio, di, é un remanso de paz, pero é o que din tódolos días a radio e as televisións, sentencia.

Falemos de ETA aínda que xa non pinta nada nas nosas vidas dende fai unha década pero non falemos da vivenda, de como pode facer unha parella para mercar un piso cos salarios que teñen os mozos e non tan mozos, diso ninguén quere saber. A dereita o que sí anuncia é que lle vai perdoar os impostos aos máis ricos.

En Mojácar a Garda Civil detivo a sete persoas pola compra de votos; dous ían nas listas do PSOE. Foi un escándalo de última hora, pero do que non nos informaron foi que a Garda Civil tamén detivo a un señor que compraba votos para o PP. Este foi, curiosamente, mandado a prisión, pero o seu nome e partido non foi dado a coñecer ata pasadas as eleccións. Que curioso, non si?

No Madrid da liberdade de Ayuso e Almeida, os madrileños enteráronse que 10.000 familias non tiñan prazas para seus fillos nas garderías públicas. O dato xa se sabía moito antes, pero por problemas técnicos, din os esbirros de Almeida, non se fixo público. Só entran 1 de cada 20 nenos/as. Puro orgullo de Madrid!!

A señora Ayuso comunicoulles ás familias mais desfavorecidas que o prezo do comedor escolar subirá o vindeiro curso un 12,70%. Tres veces a inflación. Un aumento de 110 euros por neno/a. Sen embargo a rebaixa fiscal da Presidenta madrileña supón un total de 93 euros para quen gañe 24.000 euros/ano. Mágoa non vivir en Madrid porque a min, cunha pensión dun Mestre, descontanme caseque 7.000 euros por ano.

De igual maneira, o PSOE foi atacado na Comunidade Valenciana dunha maneira inmisericorde porque un socialista, José Rodríguez, ex presidente da Deputación, foi acusado de contratación ilegal e pedíanlle 8 anos de cárcere. Foi absolto de tódolos cargos pero a noticia non se coñeceu ata pasadas as eleccións. Pura casualidade, non si?

“Por qué os medios de comunicación non informan ao votante do que realmente ocorre ao seu redor?”

Porque pasan estas cousas? Por qué os medios de comunicación non informan ao votante do que realmente ocorre ao seu redor? Por qué lle fan o caldo aos poderosos? Si, xa sei que son preguntas inxenuas, pero hai que facelas por ver se alguén se cae da burra como Saulo.

O Presidente Pedro Sánchez sorprende a propios e extraños convocando eleccións xerais a mesma noite das pasadas eleccións diante duns resultados adversos. Non deixou tempo a ninguén para tomar medidas. Hai quen opina que foi unha xogada suicida, outros que non lle quedaba mais remedios para non deixar tempo a que ninguén cuestionara o seu liderado. Sanchez cre que en dous meses ten máis opcións que en seis.

Os resultados das pasadas eleccións son difíciles de encaixar. Ninguén se explica como e por qué votaron os cidadáns de certos colectivos. Sobre todo os que foron mais beneficiados polas medidas que o goberno que Sanchez e o seu equipo tomaron nos últimos anos.

En Barcelona, por exemplo, Ada Colau en 2015 tiña gañado en tódolos barrios pobres do cinturón de Barcelona; Trías, daquela en CIU, fixérase cos votos dos barrios máis ricos. Sen embargo o pasado 28M os barrios máis pobres votaron polo candidato Trías (representante da burguesía catalá) abandonando a Ada Colau. Que pasou pola mente destes votantes?

Unha opción política que durante catro anos foi defensora dos máis necesitados comproba como os cidadáns lle retiran o seu apoio. Aquí temos materia de estudio e reflexión para politólogos que todo o explican. Esperemos que nos depara o electorado o vindeiro 23 de xullo.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»