Ponteareas | O Concello informa de que xa están en vigor as ordenanzas municipais que permiten bonificar nun 95% o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).
Desta redución, beneficiaranse propietarios de vivendas así como organizacións culturais sociais e deportivas. A medida levada a cabo polo equipo de goberno buscar impulsar o desenvolvemento urbano sostible e o estímulo de actividades que resultan clave para a vila.
No caso do IBI, os centros culturais non municipais contan cunha dedución no pago deste imposto dun 95%. Ademais, beneficiaranse de igual maneira desta bonificación as persoas propietarias que poñan a disposición os seus portais para levar a cabo as tarefas que require a festividade do Corpus Christi. O obxectivo é dar resposta ás solicitudes do colectivo alfombrista.
En canto ao ICIO, a redución do 95% beneficiará á veciñanza que posúa propiedades con máis de 75 anos de antigüidade e ás persoas que conten con propiedades localizadas nas zonas pertencentes á Área de Rehabilitación Integral. Tamén se deduce un 95% as obras que se leven a cabo nas instalacións que forman parte de colectivos sociais culturais e deportivos. Estas bonificacións favorecen, á vez, a construción do novo centro de saúde proxectado no municipio.