En marcha o Centro de Dinamización Empresarial de Ponteareas

Cofinanciado por fondos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, hábitat saudábel’

Ponteareas | O Concello de Ponteareas dá un paso máis na transformación do edificio da Praza Maior número 13 no futuro Centro de Dinamización Empresarial de Ponteareas. A alcaldesa asinou este xoves xunto a Jesús Irisarri, arquitecto e director de obra, e Marcos Veloso, representante da empresa adxudicataria Impervelper, a acta de replanteo que autoriza o inicio das obras de reforma e rehabilitación do inmoble.

“Con esta sinatura e o comezo das obras do Centro de Dinamización Empresarial cristalizan meses de traballo nese camiño de revitalización da economía social da nosa vila, reorientándoa cara a actividades de produción e comercio sostíbel e impulsando ao tempo o emprendemento local e a posta en marcha de novas iniciativas empresariais que xeren dinamismo, emprego e riqueza para a veciñanza a través dunha actividade estábel e planificada”, explicou Fernández Davila.

Os traballos de reforma terán un prazo de execución de 8 meses e suporán un investimento de case 390.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’.

Con estas obras, o Goberno municipal do BNG-PSOE converterá o Centro de Dinamización Empresarial nun espazo que albergará, centralizará e facilitará as accións necesarias para dar pulo ao emprendemento local, “un espazo de referencia, moderno, aberto e ben planificado que ofreza á veciñanza un lugar onde traballar cando o precise pero tamén onde crecer”, como recalcou a rexedora ponteareá.

Un espazo deseñado contando coas opinións do tecido empresarial e dos seus futuros usuarios e usuarias que “permitirá aos veciños e veciñas lanzarse a por en marcha novas iniciativas, pero que tamén permitirá ás empresas xa establecidas seguir avanzando”, sinalou a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote.

Así, o Centro de Dinamización Empresarial contará con espazos de traballo, coworking e oficinas de viveiro de empresas, unha oficina de asesoramento, unha sala de formación modular e versátil ou unha zona para albergar o servizo SmartPeme, entre outros espazos.