En marcha a II Edición do Olympe Emprende

Proxectos de conomía social e solidaria no rural galego

Santiago de Compostela | A finais de febreiro comezamos a II Edición do  proxecto Olympe Emprende, unha acción a prol do emprendemento feminino no eido da economía social e solidaria promovido por Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop.

As participantes partillaron os seus proxectos e obxectivos. Iniciativas do máis diverso que poñen en valor e dinamizan o rural, que buscan mellorar as condicións de traballo das profesionais das artes escénicas, poñer o coñecemento científico a disposición das empresas para que poidan mellorar a calidade do seu servizo, prover os roupeiros de moda sostible, apoiar ás mulleres que están a atravesar por un cancro ou deseñar políticas sociais que se axusten ás demandas dunha sociedade envellecida.

Para #EquipaAbelura é un enorme honor acompañar a estas emprendedoras no proceso de creación do seu proxecto. Iremos debullando os resultados desta segunda edición na nosa web, nas nosas redes sociais e neste boletín

Compostela, capital da Economía Social 2022
Na cooperativa estamos moi emocionadas con esta nova. O pasado 18 de febreiro a ministra Yolanda Díaz anunciou durante o acto de constitución do Consello Estatal para o Fomento da Economía Social (unha boa noticia), que Santiago de Compostela foi escollida como a capital da Economía Social este ano, tomando o relevo de Teruel.