En marcha a humanización da praza da Ermida no Covelo

Cun custo de 152.199€ financiado no 70% pola Xunta de Galicia

O Covelo | O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, informa que nos vindeiros días comezarán as obras de humanización da praza da Ermida. A intervención acometerase ao abeiro do plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Estas obras terán un custo de 152.199,46€ dos que a Xunta financia o 70 % da obra e o Concello asume o 30 % restante.

Esta actuación, que conta cun prazo de execución de 4 meses, ten como obxectivo mellorar a accesibilidade e humanizar a praza e o camiño da Ermida, na parroquia de Santiago de Covelo. Con esta intervención redeseñarase a rede viaria e instalarase unha varanda para separar a praza da estrada.

Tamén se realizarán actuacións mínimas na topografía para mellorar os accesos rodados, suavizar pendentes peonís e procurar percorridos adaptados.

Ademais seguindo a estética doutras obras de acondicionamento de prazas e espazos públicos do Concello de Covelo, renovarase a pavimentación da praza e do camiño ao Pazo da Cruz, instalarase novo mobiliario -banco, papeleira, fonte e xardineiras-, drenarase a auga de choiva e corrixiranse impactos paisaxísticos.