En galego, agora e sempre en Macendo

A igrexa da parroquia de Santa Maria de Macendo, no concello ourensá de Castrelo de Miño, foi o escenario elixido pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística para poñer fin ás actividades, que durante todo o mes de santos, se viñeron desenvolvendo en moitos concellos de Galicia para fomentar o uso da lingua galega na liturxia, nas necróloxicas e mesmamente nas lápidas funerarias.
Os veciños e veciñas da parroquia participaron na convocatoria dun acto de exaltación da memoria cultural e lingüística, e tamén de reafirmación da galeguidade expresando a vontade de garantir un futuro mellor para o noso idioma.
Principiaron os actos ó pé do adro da igrexa, coa descuberta dunha placa de homenaxe aos devanceiros na que se fai constar que “grazas a eles, Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”.
Xa no interior da igrexa desenvolveuse a segunda parte do acto coas intervencións do Sr. Alcalde de Castrelo de Miño, o Presidente da Asociación de Funcionarios, o crego da parroquia e o etnógrafo Ribeirán, Clodio González Pérez.
A parte máis emotiva foi a sinatura individualizada, perante a notaria de Ribadavia, dunha acta de derradeiras vontades na que cadaquén manifestou o seu desexo de que todo o relativo ao seu pasamento se realice exclusivamente en lingua galega.
A xornada foi amenizada pola banda de música “A Lira de Ribadavia” e os acordes da zanfona de Oscar Franco.