En abril, libros mil en Ponteareas

Coa presentación de seis obras de autore/as da comarca

Ponteareas | Abril volve ser o mes dos libros en Ponteareas. O Concello conmemorará un ano máis o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, que se celebra o vindeiro 23 de abril, cun ciclo de presentacións de obras de escritores e escritoras da comarca ou de Galicia, moitos deles e delas vinculados á vila.

Como sinala o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, con esta iniciativa “ademais de homenaxear un dos soportes vitais a través dos que se transmite a cultura, buscamos destacar a importancia da creación literaria en todos os xéneros e para a todas as idades e a gran canteira coa que contamos en Ponteareas”.

Ao longo do mes de abril realizaranse ata seis presentacións, dúas semanais, todas ás 20.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal de Ponteareas. A entrada será libre ata completar aforo.

A primeira cita será co escritor Manuel López Rodríguez e o seu ‘Para que non me esqueza’, poemario gañador da XXV edición do Premio de Poesía Avelina Valladares. Marcado pola sólida construción do poemario, o libro estrutúrase en tres partes unidas por un mesmo fío integrador e un rico emprego dos recursos poéticos. Cada poema vai precedido por un diálogo imaxinario con recoñecidos poetas, en gran número mulleres e está artellado cunha voz lírica feminina a través da que a obra percorre un amplo abano temático. Este prolífico e premiado autor noiés presentará a súa obra en Ponteareas o vindeiro luns 3 de abril.

O 5 de abril será a quenda de Ana Fernández Melón e a súa obra ‘1977-2023’. Tras Semana Santa Fran Fernández Davila virá o 13 de abril a presentar ‘O bosque do duque’ e Mar Míguez o día 14 con ‘A maxia asolagada’. O ciclo de presentacións rematará a última semana de mes achegando ao público o día 26 o traballo de Óscar Pazos Rodríguez ‘A invención da Gallaecia e a minaría do ouro. Unha tese sobre as orixes de Galiza’ e o venres 27 ‘A batalla de Rande’ de Pablo Prado e David Braña.

Aula CeMIT xogando coas TICs
En aula CeMIT de Ponteareas prepara para o mes de abril unha ampla programación de cursos e actividades no que as novas tecnoloxías serán protagonistas. O mes estrearase ‘Xogando coas TICs’, unha actividade aberta a todos os públicos pero deseñada especialmente para goce da mocidade durante a Semana Santa. A actividade desenvolverase os días 3, 4 e 5 de abril de 16.00 a 21.00 horas.

Outra das propostas para este abril será un curso de informática con dous niveis diferentes. No nivel I as clases impartiranse luns e mércores do 10 ao 26 de abril de 16.00 a 19.00 horas, mentres que as do nivel II serán os martes e xoves dende o 11 ao 27 de abril tamén en horario de 16.00 a 19.00 horas. Tras Semana Santa a aula CeMIT acollerá un obradoiro de memoria do 10 ao 13 de abril de 19.00 a 21.00 horas, mentres que do día 17 ao 27 se impartirá un curso de correo electrónico nese mesmo horario. Unha das propostas para este mes é unha nova actividade do Proxecto Gamapea, unha aventura gráfica deseñada por investigadores e investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela e destinada especialmente a persoas maiores para incentivar o uso da tecnoloxía na mellora do seu benestar físico e mental.

O seu obxectivo é promover un envellecemento activo a través da prevención da depresión, a estimulación cognitiva e a promoción de hábitos de vida saudábeis. A persoa usuaria convértese nun peregrino virtual que acaba de chegar ao albergue de Roncesvalles e que irá aprendendo estratexias para mellorar a saúde mentres avanza pola ruta do Camiño Francés cara a Santiago de Compostela. Desenvolverase os venres 14 e 21 de abril de 16.00 a 19.00 horas.

Como sinala o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, con estes cursos o Goberno municipal “quere achegar a tecnoloxía a veciñanza dun xeito consciente, responsábel e divertido ao tempo que promovemos a inclusión no seu uso, seguimos fomentando a formación e proporcionamos ferramentas para facilitar a vida cotiá a persoas de todas as idades, tratando de reducir así cada día un pouco máis a fenda tecnolóxica”.

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que estará aberta ao público os venres de abril de 19.00 a 21.00 horas.