Elisa Posada, gañadora do concurso da mascarilla oficial La Vuelta 21 de Mos

Un deseño inspirado nas bandeiras galega, española e mosense

Mos | Mos xa ten a súa mascarilla oficial de La Vuelta 21. Elisa Posada González, de 16 anos, oriúnda de Vigo e estudante de 4º de ESO que o vindeiro curso escolar entrará no Bacharelato de Artes no IES de Mos, resultou ser a gañadora do concurso sobre a mascarilla oficial de La Vuelta 21, etapa que rematará no Castro de Herville de Mos o vindeiro 4 de setembro.

A alcaldesa mosense Nidia Arévalo recibiu a Posada González e aos seus orgullosos pais na Sala de Xuntas do Concello, na que felicitou á moza outorgándolle o pin que lle acredita como gañadora da mascarilla oficial de La Vuelta 21.

No acto tamén participaron a Concelleira de Educación de Mos, Julia Loureiro, o director do IES de Mos, Xurxo Collazo e o vicepresidente da ANPA do IES de Mos, Óscar Mariño Bastos, como representante das entidades que formaron parte do xurado do concurso, conformado por ANPAs, centros educativos mosenses, colexios e o IES.

Acompañada dos seus pais, Elisa Posada González (centro) explica o deseño da mascarilla á alcaldesa Nidia Arévalo.

Posada González declarou que o seu deseño gañador inspirouse “nas cores de Galicia, España e de Mos” para elaborar a mascarilla, sendo esta a primeira vez que participaba nun evento desta magnitude.

A alcaldesa Arévalo amosou as súas felicitacións á gañadora e confiou na posibilidade de que “os rapaces poidan estar presentes na etapa de La Vuelta 21 que pasará por Mos”, toda vez o permitan as condicións sanitarias motivada pola pandemia. Pola súa banda, o director do IES de Mos, Xurxo Collazo, informou que neste concurso presentáronse 33 deseños, superando o índice dos rexistrados en 2020.

De cara á etapa de La Vuelta 21 que pasará por Mos, o Concello anunciou que estanse a producir varios centos de unidades da mascarilla gañadora para ser entregadas como agasallo institucional na meta da etapa ciclística no Castro de Herville.