“Educando en Positivo” chega ao Porriño

Do 4 ao 25 de abril no Centro Cultural

O Porriño | O Concello do Porriño, a través da súa concellería de Educación, que dirixe Carolina González, impulsa o programa “Educando en Positivo” para o desenvolvemento da intelixencia emocional e o coidado da saúde mental”.

Dende o Concello buscan con esta actividade que as familias saiban como poden achegar valor, adquirir os coñecementos e habilidades relevantes para elas/eles e acadar os seus obxectivos coa “Disciplina Positiva”. As persoas asistentes aprenderán a corrixir os comportamentos dos seus fillos/as a través de límites e normas desde o cariño e a empatía.

Coñecerán as ferramentas que nos permitirán establecer un vínculo emocional con eles/elas e brindarlles seguridade e confianza. Deste xeito, poderán fomentar a súa autoestima, creatividade, comunicación, xestión emocional e resolución de conflitos.

“Pódese educar sen medo, sen berros nin ameazas. Convidámosvos a crear unha conexión maravillosa co voso fillo/a a través destes obradoiros e da conferencia”, sinalou a concelleira.

O programa desenvolverase os días 4, 11, 18 e 25 de abril no Centro Cultural do Porriño e consta dunha xornada informativa e tres obradoiros.

O 4 de abril, ás 18:30 h, terá lugar a xornada informativa dirixida a familias con fillas/os de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. Será a cargo de Vanesa Cal, psicóloga, e Carlos Rodríguez, terapeuta en PNL e Intelixencia emocional. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.

Os obradoiros desenvolveranse os días 11, 18 e 25 de abril, de 18:30 a 20:30 h, no segundo andar do Centro Cultural. É necesario inscribirse xa que os grupos están limitados a 15 prazas e haberá que facelo presencialmente na xornada informativa.

Programa “Visión e Atención”
O Centro Cultural do Porriño acolleu onte a segunda das xornadas “Acompañando na aventura de crecer”, que nesta ocasión versou sobre a visión e atención.

Da man da optometrista Blanca Olmedo, familias e profesionas abordaron como a visión inflúe directamente no nivel de atención e no rendemento escolar.

Máis alá de ver “ben” ou “mal”, a visión pode afectar á nosa capacidade para realizar unha tarefa de cerca durante un tempo determinado, conseguir concentrarnos nas preguntas que estamos lendo nun exame ou incluso prestar atención ao encerado mentres hai alguén movéndose ao noso carón.

Os/as participantes na xornada puideron experimentar de primeira man algunha destas dificultades, e comprender así que senten os/as peques para poder detectalas e axudalos/as da mellor maneira posible.

Estas xornadas de crianza para familias e profesionais organizadas polo Concello do Porriño, que este ano chegaron á súa terceira edición, gozan sempre dunha gran acollida.
Arrancaron o 16 de febreiro abordando a importancia do sono nos/as nenos/as da man de Isabel Portela, graduada en Enfermería experta e diagnóstico e tratamento dos trastornos do sono, continuaron onte con Blanca Olmedo e a visión, e finalizarán esta terceira edición o vindeiro 19 de abril, a cargo da fisioterapeuta especialista en desenvolvemento infantil, Yolanda García. Baixo o título `O corpo e o movemento do/a neno/a como ferramenta para a súa aprendizaxe´.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.