
Dende fai medio século, a comunidade caboverdiana en Galicia está principalmente concentrada na Mariña lucense, específicamente nas localidades de Burela, Ribadeo, Viveiro e Cervo. Os caboverdianos destacaron principalmente polo seu oficio no mar ata asentarse como unha das comunidades máis prolíficas, coa súa lingua (o crioulo), cultura e asimilación a tal punto que coloquialmente coñeceuse o “modelo Burela” como exemplo de integración. Nesa localidade aproximadamente un 10% da poboación é de orixe caboverdiana. É tal o impacto dos caboverdianos en Burela que, en 2024, o entón presidente caboverdiano José Maria Peres Neves, visitou esa localidade e declarou que Burela “é unha illa máis do noso arquipélago“.
Burela foi noticia “mundial” este 15 de xuño. Cabo Verde, un arquipélago de dez illas e pouco máis de medio millón de habitantes, debutaba por primeira vez na súa historia nunha Copa del Mundo. O encontro foi en Seattle e contra España, actual campiona de Europa, campiona do mundo en 2010 e considerada como a principal favorita para levarse este Mundial 2026. O resultado, un empate a cero, non puido ser máis histórico para o arquipélago que veu nacer a líderes independentistas como Amílcar Cabral e cantantes como Cesárea Évora. Unha selección digna e alegre que encumbrou ao seu porteiro e capitán, Vozinha, de 40 anos e profesión electricista, como a figura do partido. Minutos antes do encontro, a red social de Vozinha contaba con 50.000 seguidores. Despois do partido superou os 2 millóns.
“Burela foi noticia ‘mundial’ este 15 de xuño. Cabo Verde debutaba por primeira vez na súa historia nunha Copa del Mundo. E Burela, como outros lugares da Mariña lucense, foi unha festa nas rúas”
Burela, como outros lugares da Mariña lucense, foi unha festa nas rúas. Pero co sabor caboverdiano: alegría, batukada e sobre todo convivencia, algo que hoxe en día precisamente escasea. Un ambiente totalmente diferente ao que viviu, por exemplo, París trala vitoria do PSG na final de Champions.

Tanto os medios españois como outros internacionais (Telesur) fixéronse eco da épica caboverdiana e dese minúsculo recuncho da Mariña lucense onde habita unha gran comunidade dese país. O Mundial coñeceu a Cabo Verde pero tamén a Burela como exemplo de convivencia, integración e tamén de dignidade neste mundo do fútbol dominado polos “petrodólares”, os escándalos e a banalidade.
Crédito das fotos: Concello de Burela.





