E logo non había miragres.

Cadernos de Viaxe
Non vou negar unha certa responsabilidade da cidadanía nos altos níveis de afección vírica desta terceira ondada da pandemia. Levamos xa dez meses de pandemia e coñecemos abondo o que vai e o que non vai, canda varias medidas adicionais de dubidosa ou moi curta eficacia.

Mais o verdadeiro problema desta enxurrada actual é a estratexia desenvolvida polos políticos á fronte da Xunta de Galicia, única competente no que atinxe ás medidas sanitarias contra a Covid-19. Porque aproximadamente o 60% dos contaxios son responsabilidade das xuntanzas familiares non protocolizadas.

É dicir, os verdadeiros responsábeis son o presidente Núñez Feijóo e máis o conselleiro de Sanidade, Julio Gª Comesaña, que propuxeron a total permeabilidade das persoas que residían fóra do País para visitar aos seus familiares e máis a xuntanza de dous núcleos familiares, malia recomendar xuntarse só no seo do núcleo familiar. Polo menos, no que atinxe á “barra libre” decretada pola Xunta para as visitas desenvolvidas entre as 07.00 e as 23.00 dos días 23, 24, 25, 30 e 31 de decembro de 2020 e 1 e 6 de xaneiro deste ano. Malia que un mesmo recoñeza que a Noiteboa e o Nadal supuñan unha certa excepción pola parcial falla de coñecemento na dimensión da enxurrada pandémica durante decembro.

Máis Feijóo e Comesaña a mantenta permitiron as enxurradas de amplo contacto interpersoal da Fin de Ano e Reis. Para a fin do 2020 ou primeiros do 2021 era nidio e evidente o problema sanitario da nosa Galicia, tamén xeral no contexto estatal e europeo, mais o alcalde da primeira cidade de Galicia, Abel Caballero, adheriu esta demagoxia xunteira amosando o seu xorne neglixente, ao presidir o 6-X último unha Cabalgada de Reis na que partillaron 30.000 persoas. Os dous políticos máis votados de todo o País amosaron de vez a súa falla de responsabilidade.

Núñez Feijóo habería acreditar na súa responsabilidade como Presidente deste País sen abdicar das súas responsabilidades no Goberno do Estado, que ten amosado a mesma incompetencia ca os rexedores do Monte Pío e San Caetano. Mais semella que segue xogando ser o campión europeo da modalidade deportiva de lle botar a culpa aos demáis (aínda non recoñecida na Olimpiada de Tokio) e non quere desenvolver a súa función de Presidente dun país europeo, culto e desenvolvido, como é a nación que nos une.

Non había miragre galego.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.