Día Mundial do Alzhéimer en Tui

Da man de AFAGA cunha charla e unha mesa informativa

Tui | O Concello de Tui únese á conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer que terá lugar mañá día 21, en colaboración con AFAGA, a Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer e outras demencias de Galicia.

En Tui mañá ás 18.30 h no edificio Francisco Sánchez haberá unha charla informativa titulada “Alzhéimer e outras demencias, que son e factores de prevención”. Será impartida por Beatriz Rodríguez Álvarez, psicóloga xeral de AFAGA. Previamente, dende ás 17 h, no mesmo edificio Francisco Sánchez, haberá unha mesa informativa.

O Concello de Tui traballa xunto con AFAGA ao longo de todo o ano en distintas actividades tanto de prevención coma de atención a persoas con esta enfermidade. Precisamente para ultimar as actividades desta nova temporada nos últimos días o alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, e a traballadora social, Carmen González, reuníronse na casa do Concello de Tui con presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, e a psicóloga da asociación, Beatriz Rodríguez.

Cultiva a mente
Precisamente o próximo mes de outubro comeza unha nova temporada do programa Cultiva a Mente, para o que xa está aberto o prazo de inscrición. Este programa ten por obxectivo promover un envellecemento activo e saudable das persoas maiores de 55 anos a través de diversas actividades en centros culturais de seis parroquias tudenses: Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, Randufe, Rebordáns, Ribadelouro e, este ano, Malvas. Amais, outra finalidade do programa é fomentar a sociabilidade e as emocións positivas, así como a estimulación das funcións cognitivas.

É necesaria inscrición previa no departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui nos teléfonos 986 60 36 25 ext 54 ou 607 19 41 75, ou na sede electrónica. Pódese acadar información e descargar a documentación na páxina www.tui.gal.

Talleres de estimulación cognitiva e funcional en Randufe
Por outra parte proseguen os talleres de estimulación cognitiva e funcional no Centro Comarcal de Atención ao Alzhéimer Baixo Miño en Randufe (Tui) para persoas cunha diagnose de calquera tipo de demencia ou alzheimer.

Coidándo-me
En colaboración con AFAGA, o Concello de Tui tamén desenvolveu o curso “Coidándo-me” dirixido a persoas con familiares dependentes.