Día do veciño en Lugo o 23 de outubro

Haberá distribución de produtos alimentarios galegos con distintivo de calidade

Lugo | O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe a fortaleza do asociacionismo veciñal de Lugo, que se dispón a celebrar o vindeiro 23 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos unha nova edición do Día do Veciño, que conta co apoio da Xunta de Galicia.

No evento, no que se prevé congregar a 4500 persoas de 350 asociacións, distribuiranse aos participantes queixos de denominación de orixe Arzúa Ulloa cedidos pola Xunta a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). O goberno galego tamén patrocina o concerto de Treixadura, que comezará ás 18.00 horas, logo da entrega das “V do Veciño”.

Durante a presentación dos actos, Arias destacou o impulso da Xunta ás asociacións e á Federación de veciños Lucus Augusti, coa que comparte diversas liñas de traballo encaminadas a “mellorar a calidade de vida local nos barrios e nas contornas rurais”.

No eido medioambiental -apuntou-, nos últimos meses entregáronse á Federación 300 composteiros, plantáronse 340 árbores de especies autóctonas e impulsáronse programas para fomentar a recollida selectiva de envases lixeiros, papel e cartón, a través dun convenio a tres bandas no que tamén participa Ecoembes.

Por terceiro ano consecutivo a Federación desenvolve un programa de igualdade con financiamento da Xunta. O Goberno autonómico colabora cos gastos de funcionamento e actividade da Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE) e cinco das federacións que a integran, entre elas a de Lugo.

Tamén se convocan outras axudas ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria, tanto para o arranxo de locais sociais e outras infraestruturas como para programar actividades.