Dez nenos ucraínos pasarán o mes de agosto no campamento da Deputación de Pontevedra

Veñen da cidade de Bucha e estarán no campamento Príncipe Felipe

Pontevedra | Luis López recibiu este martes un grupo de dez menores da cidade Ucraína de Bucha, unha das zonas máis masacradas polas tropas rusas, que pasarán o mes de agosto nun campamento nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe de Pontevedra. O presidente provincial, que lles fixo entrega de agasallos, deulles a benvida acompañado da deputada provincial Sandra Bastos desexándolles unha proveitosa estancia e amosando o seu desexo de que poidan coñecer os atractivos turísticos da provincia de Pontevedra.

O grupo de menores ucraínos, de entre 9 e 14 anos, vén acompañado dun adulto experto en traballo social. Todos eles proveñen de Bucha, na rexión de Kiev, na que tivo lugar unha masacre masiva de centos de civís por parte das forzas rusas en 2022, e forman parte de familias numerosas, de combatentes, de militares e de falecidos en combate. Permanecerán en Príncipe Felipe ata o 28 de agosto e estarán a residir nun espazo preparado para que teñan todas as comodidades dun fogar convencional.

A Deputación de Pontevedra ofrécelles servizo de manutención, servizo médico, atención psicolóxica, servizo de tradución, posta a punto de roupa, acceso á piscina do centro e unha ampla planificación de actividades nas que se potenciarán valores como a convivencia, o benestar, o coidado do medio ambiente e o coñecemento lingüístico. Tamén están programadas excursións para que coñezan recunchos da provincia de Pontevedra como A Illa de Arousa, Cabo Home, Cangas e praias como A Lanzada e Lapamán, así como outros lugares de Galicia como Santiago de Compostela, Cerdeda, a Costa da Morte e Gandarío.

O campamento de menores de Ucraína en Príncipe Felipe é unha iniciativa organizada polo Comité Europeo das Rexións e pola Asociación de Cidades de Ucraína, encabezada polo alcalde de Kiev, Vitali Klichkó, para apoiar as nenas e nenos que están a sufrir as consecuencias da guerra. O pasado xullo as instalacións da Deputación de Pontevedra acolleron outro grupo de dez menores procedentes de Pervomaiske, cidade moi próxima á zona de conflito.