Deputación impulsa na Guarda o programa Trazas de turismo nos castros

Grazas ao convenio que desde 2015 mantén co ministerio de Fomento

Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o novo impulso ao programa Trazas de Pontevedra para facer dos castros e do patrimonio galaico-romano un potente atractivo para todo o conxunto da provincia. O mandatario provincial subliñou o compromiso do seu goberno coa execución do protocolo subscrito no 2015 co Ministerio de Fomento para a posta en valor destes xacementos no acto de presentación da nova e completa web do Programa Trazas que tivo lugar este mércores no Concello da Guarda.

“En marzo do 2015, a Deputación e o Ministerio de Fomento asinaron un protocolo para poñer en valor os castros da nosa provincia. Aínda que se fixeron algunhas actuacións, cremos que o programa pode ter un percorrido moito más amplo. Nin o Ministerio nin o anterior goberno provincial sacaron todo o partido a un programa que aposta por diversificar a nosa oferta turística. A Deputación fará todo o que estea na súa man para darlle a visibilidade e os coidados que os nosos castros merecen”, afirmou o presidente.

Unha das competencias da Deputación neste convenio de colaboración entre as dúas administracións era a da promoción do patrimonio. Unha misión que se cumpre coa estrea da nova páxina web do programa Trazas de Pontevedra (https://www.trazas.turismoriasbaixas.com/web/trazas/inicio). Unha páxina que recolle, dun xeito moi accesible e visual, todos os contidos relacionados co patrimonio castrexo da provincia de Pontevedra. A golpe de clic, o usuario pode coñecer cales son os xacementos da provincia, onde están, cal é a súa historia, a súa extensión, información sobre os achados nas escavacións e infinidade de material didáctico sobre este patrimonio histórico.

Ademais da importancia divulgativa destes xacementos, Luis López e o seu equipo de goberno están convencidos de que os castros repartidos por todo o territorio supoñen un importante polo de atracción de turismo. “Poñer no noso mapa turístico os castros que temos espallados pola nosa provincia é moi importante porque nos permite ofrecer un produto cultural de calidade, unha alternativa atractiva para un turismo relacionado coa historia, a natureza e a arqueoloxía, unha experiencia dispoñible os 365 días do ano e unha oferta capaz de captar a un perfil de turista internacional especializado no patrimonio cultural”, sinalou o rexedor provincial, poñendo o foco en posicionar á provincia como un destino referente “para un turismo que crece en Europa como son os itinerarios culturais, como por exemplo A ruta dos Fenicios”.

Este programa serve tamén para diversificar, desestacionalizar e potenciar o turismo nas Rías Baixas e no conxunto da provincia. “Estamos orgullosos de ser coñecidos polas nosas praias ou a nosa gastronomía e os nosos viños. Pero temos máis. Cando dicimos que Pontevedra é desfrutar, dicimos que Pontevedra é desfrutar das catro estacións do ano, do termalismo, da nosa natureza e paisaxe, do Camiño e, como non, desfrutar deste patrimonio histórico incomparable que son os nosos castros. Apostar por eles é apostar por ir a máis. É apostar por desfrutar”, remarcou Luis López.

Acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro; o alcalde da Guarda e deputado de Cooperación Transfroiteiriza, Roberto Carrera; e do arqueólogo da Deputación, Rafa Rodríguez; o dirixente provincial aproveitou tamén para avanzar a intención do seu goberno de executar unha segunda intervención de rehabilitación e posta en valor de novos xacementos. Unha intervención proxectada polo Ministerio do Goberno, pero cuxo plan haberá que estudar porque carece do visto e prace de Patrimonio da Xunta. “Este goberno aposta polo turismo cultural, pola promoción da nosa riqueza patrimonial. Pero sempre cunha liña vermella, o respecto e a conservación da natureza e do noso territorio”, puntualiza López.

Rematou o presidente da Deputación reafirmando o compromiso deste organismo en dar cumprimento ao protocolo asinado no ano 2015. Un convenio deseñado para “garantir a limpeza e mantemento dos xacementos galaico-romanos, mellorar a súa sinalización, contribuír á súa promoción, levar a cabo novas escavacións, converter os castros en museos ao aire libre, facelos accesibles e dixitalizar a súa riqueza para poder acceder a ela desde calquera dispositivo en calque recuncho do mundo.

O impulso dun turismo sustentable e desestacionalizado é un dos piares da acción de goberno da Deputación de Pontevedra, que ten o firme convencemento de dar un novo impulso e aproveitar todas as utilidades deste protocolo, que estaba sen explotar desde o ano 2015. “Cumprir con este protocolo é facer que a provincia vaia a máis”, concluíu Luis López.