Deputación entrega en Vilagarcía as chaves do local para a asociación “Mulleres Salgadas”

A institución provincial investiu 63.000 euros na súa reforma

Pontevedra | A presidenta da Deputación, Carmela Silva, entregou hoxe á presidenta da Asociación Mulleres Salgadas, Dolores Gómez, as chaves do local que cede a institución provincial ao colectivo para que estableza un espazo polivalente en Vilagarcía do que ademais tamén se beneficiarán todos os colectivos de mulleres do mar da provincia.

A entrega de chaves tivo lugar no propio local, situado no número 46 da Avenida Doutor Tourón, nun acto que ademais se celebrou coincidindo co Día Internacional das Mulleres do Mar, e ao que tamén asistiron o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, a secretaria da asociación, Sandra Amezaga, amais de deputadas e concelleiras. O espazo, cedido por un período de catro anos, foi reformado pola Deputación que investiu 63.000 euros para redistribuír os seus espazos, crear despachos independentes, unha sala polivalente e dous aseos, amais de dotar ao inmoble de eficiencia enerxética.

Carmela Silva cualificou esta cesión como “unha mostra da política útil, porque se trata de favorecer ás mulleres, de mellorar a vida da xente e do asociacionismo e Mulleres Salgadas, con máis de 1600 asociadas, precisaba dun local onde poder atender e desenvolver todas as súas actividades tanto de formación, como de relacións con outros colectivos e administracións, e a súa xestión propia”.

A presidenta subliñou a importancia de “fortalecer as asociacións que traballan coas mulleres e particularmente coas mulleres do mar, porque se somos algo é mar, e o mar ten nome de muller”. Puxo en valor “a loita deste colectivo, que ten conquistado moitos logros a nivel estatal e galego e que temos a sorte de que, malia representar a toda Galicia, sexan da provincia”. Tamén salientou a “xenerosidade” de “compartir espazos deste local para que o poidan empregar outros colectivos de mulleres do mar”.

O rexedor vilagarcián, Alberto Varela, destacou “a sensibilidade da Deputación” e asegurou que “na comarca do Salnés sabemos da importancia das mulleres do mar e da relevancia que teñen desde o punto de vista económico”, tanto “o sector produtivo” como “novos valores que foron incorporando como o turístico, xa que a xente quere ver o voso traballo porque achegades un valor engadido”. Por iso, engadiu Varela, “sei que este local estará moi ben empregado e terá un grande uso”.

Pola súa banda a presidenta de Mulleres Salgadas, Dolores Gómez, agradeceu a Deputación a cesión do local “porque nos facía moita falta para reunirnos coas nosas socias e outros colectivos, e para facer todo o que queremos facer, como as actividades de formación”. E remarcou o feito de estar na ría de Arousa, “onde nacemos, onde hai máis mulleres do mar en toda Galicia, no epicentro de actividades como o marisqueo, a acuicultura ou as bateas”.

O local que vén de ceder a Deputación a Mulleres Salgadas, de 101 metros cadrados, funcionará como un punto de encontro para as agrupacións e asociacións de mulleres que realizan actividades profesionais do sector primario, especialmente do mar. Deste xeito, a cesión do local suporá que poida ser aproveitado por todos os colectivos do sector na provincia, para organizar tanto actividades corporativas da asociación como asembleas, xuntas e reunións de órganos sociais, ademais de actividades formativas, charlas, coloquios e encontros que contribúan a mellorar o tecido asociativo e a capacitación das mulleres do mar.

Nova edición dos cursos de alfabetización dixital
A presidenta Carmela Silva tamén informou de que a Deputación e Mulleres Salgadas porán en marcha a segunda edición dos cursos de formación en competencias dixitais para as mulleres do sector pesqueiro da provincia, e que terán lugar nos concellos do Grove, A Illa de Arousa, Poio e Redondela. Este proxecto formativo, no que a Deputación vai investir 10.500 €, está enfocado a promover a integración das mulleres do mar, mellorar a súa motivación e superar os condicionantes que fan que non opten a postos de liderado ou responsabilidade nas súas organizacións.

Nos cursos, as mulleres formaranse en habilidades dixitais para superar a fenda dixital e capacitalas para as xestións telemáticas. Ademais, a través desta formación aumentarán a súa autoestima e mellorarán a súa motivación, ao abrirlles espazos de participación onde crearán lazos entre elas e intercambiarán coñecementos e experiencias. Tamén recibirán exemplos e relatos de mulleres apoderadas, e tomarán conciencia da situación e a necesidade de participar no ámbito público. Constarán de 30 horas lectivas e 3 módulos sobre conceptos tecnolóxicos básicos e avanzados, outro sobre participación cidadá a través das novas tecnoloxías, e un último sobre o uso das redes sociais.