Deputación e Concello de Vigo acordan construír a Grada de Gol de Balaídos

A través dun convenio no que o ente provincial financiará o 50%

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra aprobou este venres, nunha sesión plenaria ordinaria, o convenio de colaboración co Concello de Vigo para a construción da nova grada de Gol do estadio de Balaídos para á que o organismo provincial destina un total de 13,15 millóns de euros repartidos en tres anualidades cos que financiará o 50 % do orzamento total da obra.

O pleno serviu tamén para aprobar unha modificación de crédito por valor de 18,4 millóns de euros para reforzar os investimentos nos concellos e incrementar a colaboración coas entidades e asociacións da provincia. Do mesmo xeito, deuse luz verde ao proxecto reformulado para a rehabilitación da antiga casa consistorial de Portas, á adxudicación do acordo marco para as obras de conservación de firmes na rede de estradas provinciais, así como á modificación de créditos, por valor de 2,8 millóns de euros, e do cadro de persoal do Consorcio Provincial do Servizo Contra Incendios e Salvamento.

A sesión comezou coa toma de posesión de Belén Cachafeiro como nova deputada provincial, que pasa a formar parte do goberno da Deputación en substitución de José López Campos, que renunciou á súa acta ao ser nomeado conselleiro de Cultura da Xunta. A nova deputada, natural de Forcarei, asumirá as competencias de Fondos Europeos. Así mesmo, o pleno aprobou tres mocións presentadas polo Grupo Popular para reclamar ao Goberno a supresión da peaxe do treito da AP-9 entre Pontevedra e Curro, a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias con Galicia para o traspaso efectivo das competencias da xestión do litoral e que se complete as plantel da Garda Civil na provincia.

Mentres que foron rexeitadas dúas mocións do Grupo Socialista para esixir á Xunta a restitución da Secretaría Xeral de Igualdade e a posta en marcha por parte da Deputación dun plan extraordinario para os Concellos.

O principal acordo deste pleno ordinario da Deputación correspondente ao mes de maio foi a aprobación do convenio de colaboración co Concello de Vigo para a construción da grada de Gol do estadio de Balaídos, que contou co voto favorable dos tres grupos que compoñen a corporación. Un proxecto que conta cun orzamento de licitación de 25,64 millóns de euros, dos que a Deputación financiará o 50 %. As achegas do organismo provincial realizaranse en tres anualidades, a primeira, correspondente ao presente ano 2024, ascende a 2,6 millóns de euros; mentres que nos dous anos seguintes aportará 5,27 millóns en cada un.

“Damos cumprimento á palabra dada polo presidente Luis López ao Concello de Vigo, ao Celta, aos vigueses e á provincia”, subliñou o voceiro do goberno provincial Jorge Cubela, para destacar que o compromiso de seguir colaborando coa reforma do estadio e cos proxectos beneficiosos para a cidade de Vigo é unha realidade. Ademais, o presidente tomou a palabra neste punto para poñer en valor o traballo do goberno e da vicepresidenta Luisa Sánchez para que “este convenio saíra adiante”.

Outro asunto relevante que foi aprobado polo pleno foi unha modificación de créditos por valor de 18,4 millóns de euros, que proceden principalmente de remanentes de tesourería da Deputación, así como de ingresos recibidos ou baixas por anulacións de proxectos. Estes fondos irán destinados principalmente a reforzar o apoio da Deputación cos Concellos a través de investimentos en diferentes proxectos e obras, pero tamén para estreitar os lazos de colaboración con todo o tecido asociativo e diversas entidades que operan na provincia.

Entre os proxectos aos que se destinarán estes fondos sobresae unha achega de 12,7 millóns de euros para a mellora das estradas provinciais, ademais dun millón de euros para reforzar os plans Provincia Comunitaria e +Aqua, un millón de euros para o patrocinio de eventos deportivos, medio millón de euros para melloras no Centro Príncipe Felipe, 125.000 euros para reforzar o CAAN, 200.000 euros para promover a compostaxe ou 150.000 euros para fomentar o turismo.

“Un expediente para cumprir coa palabra dada de aportar máis fondos, máis recursos e máis apoio aos concellos”, dixo o voceiro Jorge Cubela sobre unha iniciativa que saíu adiante cos votos do Grupo Popular, mentres que o BNG se abstivo e o PSOE votou en contra.

Do mesmo xeito, aprobouse por unanimidade a modificación de crédito do Consorcio Provincial do Servizo Contra Incendios e Salvamento por valor de 2,8 millóns de euros que se destinarán ao vestiario dos parques, material funxible, estudos e traballos técnicos, traballos e empresas profesionais, investimentos en novas maquinarias, actualización de inventarios, investimento en novos vehículos, equipos para procesos de información, redacción de proxectos técnicos ou reposición de vehículos. Así mesmo, tamén contou co apoio unánime a modificación do cadro de persoal deste Consorcio.

Adxudicación do acordo marco para a conservación de firmes en estradas provinciais
O pleno aprobou tamén a adxudicación do acordo marco para o servizo de conservación de firmes nas estradas provinciais. Trátase dun contrato dun ano de duración, con posibilidade de tres prórrogas anuais, dividido en seis lotes e cun orzamento total de 3,67 millóns de euros anuais.

A Deputación reclama a supresión da peaxe da AP-9 entre Pontevedra e Curro
Por unanimidade foi aprobada unha moción do Grupo Popular para reclamar ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible a liberalización e establecemento da gratuidade das tarifas de peaxe na Autoestrada AP-9 no treito entre Pontevedra e Curro, no Concello de Barro, para facilitar a circulación periférica na cidade e a conexión coas comarcas do norte da provincia.

Tamén recibiu o voto favorable de todos os grupos a proposta do Grupo Popular para solicitar ao Goberno de España a convocatoria urxente da Comisión Mixta de Transferencias coa Comunidade Autónoma de Galicia para acordar o traspaso real e efectivo dos medios humanos e materiais que permitan a xestión propia da nosa costa por parte da Xunta ao abeiro da Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral de Galicia.

Pola contra, o BNG e PSOE decidiron absterse na petición do grupo Popular para reclamar ao Ministerio do Interior que cese nos seus recurtes no plantrl da Garda Civil na provincia de Pontevedra e que dea cobertura, no prazo máis breve posible, ás 101 prazas do catálogo oficial que están baleiras na actualidade.

Unha moción na que tamén amosaron o apoio e recoñecemento ao labor que realiza a Garda Civil e solicitar ao Goberno de España que garanta o seu compromiso para manter a súa presenza en todos os cuarteis da provincia de Pontevedra e que a mesma veña acompañada da dotación de máis medios persoais e materiais para reforzar a seguridade cidadá dos pontevedreses.

Así mesmo, demandan ao Ministerio do Interior que recupere a anterior atención presencial dos pontevedreses nos cuarteis da provincia de Pontevedra, coa súa apertura en todos os días laborables, e que habilite sistemas áxiles e efectivos para poder recoller e atender as necesidades dos cidadáns ás 24 horas do día nos 61 municipios do noso territorio.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.