Deputación de Pontevedra tingue o pazo provincial coas cores da bandeira de Ucraína

Como símbolo de repulsa á agresión militar rusa a ese país

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra súmase á condena da invasión de Ucrania por parte de Rusia e desde esta pasada noite iluminou o edificio do Pazo Provincial de azul e amarelo, as cores da bandeira ucraína, como símbolo de repulsa á actuación do goberno de Vladimir Putin e en solidariedade e apoio ao pobo ucraíno.

A presidenta provincial, Carmela Silva, fixo unha declaración sinalando que “é momento de amosar unha posición clara contra a invasión rusa de Ucrania e apoiar a Unión Europea contra a violencia armada”.

“Temos que ter unha posición firme, sen fisuras, dixo a presidenta, que traslade a Putin que estamos unidas e unidos fronte a súa intolerable decisión de atacar a Ucrania”.

A presidenta trasladou “a solidariedade da corporación provincial e o noso afecto ás mulleres e homes que están a vivir de novo o terror da guerra. Hai que tomar partido de forma clara”, dixo Carmela Silva, que desexou que as hostilidades rusas cesen de inmediato para que a poboación ucraína poida retomar as súas vidas “con paz, seguridade, liberdade e democracia”.