Deputación de Pontevedra súmase a incentivar os ODS a nivel local

A través da iniciativa europea “People &Planet: un destino común”

Pontevedra | O Salón de Actos do Edificio Administrativo da Deputación acolleu unha xornada do Fondo Galego de Cooperación para poñer en valor a incidencia dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no mundo local. A deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, foi a encargada de inaugurar este encontro participativo no que se analizaron as oportunidades que brinda a Axenda 2030 para os concellos.

“Todos os ODS son locais”, como así se titulaba a xornada do Fondo Galego de Cooperación enmarcada no proxecto europeo “People &Planet: un destino común”, tiña por obxectivo xerar un diálogo aberto, analítico e construtivo entre representantes dos concellos para explorar conxuntamente estratexias para localizar a Axenda 2030 de maneira efectiva.

“Queremos tender pontes con todas e todos vós porque o mundo local, os concellos, son xa e seguirán sendo neste mandato á fronte da Deputación de Pontevedra, os verdadeiros protagonistas”, asegurou a deputada provincial.

O encontro serviu como intercambio de experiencias e información especializada para aumentar a capacidade do mundo local para aplicar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e coñecer as liñas de financiamento dispoñibles para promover dende os municipios unha acción coordinada e inclusiva. Ademais entregouse ás persoas participantes unha guía de apoio, con orientación práctica e exemplos concretos para integrar de xeito efectivo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible nas políticas e accións locais.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.