Deputación de Pontevedra pon en marcha proceso de musealización do Castelo de Sobroso

Cun investimento de 300.000 euros

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra da un novo paso cara a esperada musealización do Castelo de Sobroso ao aprobar, en Xunta de Goberno, o expediente de contratación cara a adxudicación do proxecto, que conta cun orzamento de máis de 300.000 euros. A previsión do ente provincial é que as actuacións estean rematadas ao longo deste verán, dotando con elas ao castelo dun equipamento museográfico actual e potenciando o seu atractivo acorde coas tendencias da demanda turística.

Este ambicioso proxecto mergullará ás persoas visitantes na historia da fortaleza apoiándose nas tecnoloxías audiovisuais do século XXI. Deste xeito, a Deputación aposta por un modelo turístico baseado nas experiencias cunha ruta dunha hora de duración e con grupos reducidos que poderá realizarse en galego, castelán ou inglés. Durante o percorrido as e os visitantes coñecerán a historia do castelo a través de sete pezas audiovisuais e a súa visita rematará co acceso á terraza, que estará equipada con atrís con imaxes panorámicas para permitir identificar todos os filtros e elementos da paisaxe.

O Castelo de Sobroso é un gran atractivo turístico da nosa provincia, que foi visitado en 2020 por preto de 11.000 persoas pese aos peches e as restricións derivadas da situación sanitaria. De feito, 3.500 destas visitas tiveron lugar entre xuño e agosto sumando máis que as realizadas durante o verán de 2019. Ademais, tras o confinamento, a Deputación integrou Sobroso no programa “Re-acción nos castelos”, que levou á fortaleza música, danza, teatro e obradoiros para nenas e nenos, enchendo o espazo de contido cultural seguro e esgotando todas as prazas dispoñibles.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!