Deputación de Pontevedra lanza nova web

Con tecnoloxía de última xeración, máis accesible e intuitiva

Pontevedra | “Hoxe abrimos unha ventá moito máis moderna, áxil e intuitiva para que a cidadanía contacte con nós e realice calquera trámite con esta Administración de forma rápida e cómoda”. Carmela Silva presentou hoxe no Pazo Provincial a nova web institucional da Deputación de Pontevedra, que cumpre cos máis innovadores estándares de accesibilidade e afonda na aposta da institución pola “máxima transparencia comunicativa e as boas prácticas de xestión. Queremos que as persoas coñezan a que dedicamos os recursos públicos e obteñan información valiosa e actualizada de todo o que se fai”, subliñou.

A presidenta provincial explicou que o novo portal mantén a URL antiga (depo.gal), polo que non implica ningún cambio para as persoas usuarias. É froito dun intenso traballo de colaboración realizado durante o último ano entre os servizos de Novas Tecnoloxías e Comunicación Institucional e busca ante todo “ofrecer un mellor servizo público á cidadanía, aos concellos e ás empresas da provincia de Pontevedra”.

O obxectivo da reestruturación é ofrecer “máis e mellor información de forma máis sinxela”, mantendo os estándares de calidade e transparencia informativa que xa sitúan a Deputación e a súa presidenta no top 10 do ranking de transparencia das deputacións e gobernos insulares do estado e dos seus presidentes e presidentas.

Carmela Silva lembrou que fai sete anos a institución “partía de posicións moi baixas a nivel de transparencia, e situarse en cabeza requiriu un inxente esforzo interno. Pero non nos conformamos, o noso compromiso é seguir traballando para ocupar a primeira posición”.

Cifras récord de actividade
O redeseño da web corporativa acométese nun momento no que a comunicación dixital é transcendental para calquera administración pública, e coincide despois dun ano no que o portal da Deputación de Pontevedra bateu todos os récords: máximo histórico de actividade con 409.009 persoas usuarias en 2021 e 2,4 millóns de páxinas vistas nos últimos doce meses.

Estes datos “estratosféricos”, en palabras de Carmela Silva, demostran que a web da Deputación “é unha ferramenta fundamental de comunicación, un instrumento tremendamente útil para a veciñanza e un recurso cada vez máis empregado pola cidadanía e as entidades para contactar coa institución ou realizar trámites administrativos”.

“Queremos ser unha administración moderna e implicada coas novas tecnoloxías”, avanzou a presidenta, que incidiu na “vocación de servizo público” que subxace e impulsou o proxecto. “Esta non é unha web para a Deputación, é un portal para todos e todas que se enmarca na nosa estratexia de transparencia e boas prácticas e que permitirá que as persoas saiban de forma máis rápida e en todo momento a que se dedican os recursos públicos”.

Os cambios fundamentais que percibirán as persoas usuarias son o redeseño integral do portal, máis minimalista, accesible e utilizable a partir de agora, a reestruturación do contido para ofrecer información de forma máis sinxela e clara e a aplicación de tecnoloxía de vangarda para mellorar a experiencia de navegación e axilizar o tempo de carga das páxinas. “Acádanse tempos de resposta moitísimo máis rápidos”, puntualizou o portavoz do equipo técnico encargado de actualizar o portal, que incidiu en que “o cambio tecnolóxico, de deseño e de contidos é integral”.

Grazas á implementación de tecnoloxías modernas e vangardistas, mellórase a accesibilidade da web e a experiencia das persoas usuarias. “Implantamos un novo e robusto xestor de contidos de última xeración que permite a creación de fluxos de traballo personalizados e a publicación dinámica de contidos, ademais de adaptarse a todos os dispositivos: ordenadores de sobremesa, smart TV, tablets ou smartphones”, detallou Carmela Silva.

O portal conta tamén cun novo xestor de base de datos e un novo servidor de busca para que as persoas atopen a información moito máis rápido.

A información tamén se mostra dun xeito moito máis sinxelo e claro e está organizada ao redor de 13 grandes áreas temáticas: Cohesión Social, Cooperación Transfronteiriza, Cultura, Deportes, Emprego, Formación, Igualdade, Infraestruturas e Mobilidade, Lingua, Medio Natural, Turismo e Xuventude e Memoria Histórica.

Prioriza as seccións máis demandadas
Muda a imaxe xeral da web cunha nova portada con accesos directos aos bloques temáticos máis consultados, o que demostra unha vez máis que se adapta ás demandas da cidadanía e ás empresas facilitando a localización da información e os trámites que máis se procuran: Sede electrónica, Boletín Oficial da Provincia (BOPPO), Perfil de Contratación, Licitación Electrónica, Oficina Virtual Tributaria do ORAL, redes sociais e boletín de noticias.

Tamén se visualizan de forma máis ordenada os grandes eixos de actuación da Deputación, como o Plan Concellos, ReacPon ou Compostaxe, e cobra novo protagonismo a Axenda de Actividades, unha área moi consultada pola cidadanía para informarse de eventos culturais, deportivos ou formativos e acceder directamente á solicitude de prazas.

Para rematar, a presidenta da Deputación agradeceu o traballo da deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial, Ana Mejías, e do persoal da institución que leva meses traballando no proxecto.