Deputación de Pontevedra impulsa axudas a prol da lingua galega

Orientada a entidades culturais da provincia

Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta da aprobación da concesión das axudas destinadas a entidades culturais da provincia para promover, fomentar e difundir actividades de dinamización da lingua galega durante o exercicio 2023, unha liña dotada de 150.000 euros e das que se beneficiarán 57 entidades con achegas que ascenden aos 126.000 euros.

Luis López asegurou que “a lingua galega diferéncianos e proxéctanos no mundo cunha personalidade única” e reiterou, “como xa avancei no mesmo día da miña investidura como presidente, que desde a Deputación imos potenciar e moito a nosa cultura e a nosa lingua como sinais de identidade fundamentais para posicionarnos nun mundo cada vez máis global”.

As axudas da Deputación teñen o fin de potenciar o uso do noso idioma no ámbito económico e, en xeral, en todos os sectores con repercusión social. As axudas, destinadas a entidades culturais sen fins de lucro, permitiron subvencionar ata o 75% do orzamento ata un máximo de 3.500 euros.

Son susceptibles de acadar as achegas accións de fomento da creación e difusión cultural (certames, creacións, feiras…), sociolingüística e toponimia (estudos sobre sociolingüística, recuperación da toponomia), fomento do emprego no comercio e industria, recoñecementos e distincións (xornadas, campañas…), obradoiros para reforzar o traballo a prol do uso da lingua entre a veciñanza e publicacións de materiais que teñan como fin introducir ou estender o uso da lingua nalgún eido.

Obteñen recursos 20 entidades da comarca de Vigo 13 de Vigo, 2 de Redondela, 1 de Baiona, 1 de Gondomar, 1 de Mos, 1 de Nigrán e 1 do Porriño) , outras 10 entidades do Morrazo (7 de Cangas, 2 de Bueu e 1 de Moaña), 9 entidades do Salnés (4 de Vilagarcía, 1 de Cambados, 1 do Grove, 1 da Illa, 1 de Sanxenxo e 1 de Vilanova), 8 entidades da comarca de Pontevedra (4 de Pontevedra, 2 de Marín, 1 de Poio e 1 de Ponte Caldelas) , 6 entidades de Deza-Tabeirós (3 de Lalín, 2 da Estrada e 1 de Silleda), 3 entidades do Condado-Paradanta (1 de Mondariz, 1 das Neves e 1 de Ponteareas) e, finalmente, unha entidade do Baixo Miño (O Rosal).

LXXI Festa do Albariño
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a deputada de Turismo, Nava Castro, asistiron hoxe en Cambados aos actos organizados polo Capítulo Serenísimo no marco da LXXI Festa do Albariño de Cambados. Os actos comezaron na contorna do Auditorio da Xuventude coa recepción das Confrarías Enogastronómicas de España e Portugal que asisten ao evento. As confrarías desfilaron ata o patio de armas do Pazo de Fefiñáns, onde tivo lugar a continuación o acto de investidura das novas Damas e Cabaleiros do Albariño.

A continuación, Nava Castro asistiu no Pazo de Torrado de Cambados ao LXXI Xantar Oficial do Albariño onde participou na entrega de premios da XXXV Cata-Concurso Rías Baixas Albariño. A deputada deu os parabéns ás 55 marcas participantes e puxo en valor a importancia do sector vitivinícola para a economía da provincia de Pontevedra. “Os Albariños Rías Baixas crean unha rede da que se nutren moitísimas persoas e que comeza coas empresas produtoras, sen as que non existiría o resto de pés desa rede e, xa que logo, tampouco esta festa”, sinalou.

Nava Castro asegurou que “traballaremos da man para que os nosos viños continúen estando tan ben posicionados no mundo e para que esta Festa siga sendo de Interese Turístico Internacional e un orgullo para toda a provincia”.

Festa do Cristo en Vigo
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a vicepresidenta da Deputación, Marta Fernández-Tapias, asistiron hoxe en Vigo á procesión da Festividade do Santísimo Cristo da Vitoria de Vigo, a procesión relixiosa máis multitudinaria de toda Galicia.

O presidente provincial acompañou a Confraría do Santísimo Cristo, presidida por Marora Martín Caloto e que tamén contou coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. ​