Deputación de Pontevedra homenaxea aos campións mundiais xuvenís de balonmán

A vicepresidenta primeira Marta Fernández-Tapias recibiunos na institución provincial

Pontevedra | A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, presidiu esta mañá o acto de homenaxe da institución provincial aos recentes campións mundiais xuvenís de balonmán.

A sede de Vigo foi o escenario da recepción ofrecida aos xogadores da selección Carlos Ocaña e Alberto Delgado, que militan no Club Cisne, así como aos membros do corpo técnico formado por Javier Fernández, ‘Jabato’, adestrador da selección e tamén do club pontevedrés; a delegada do equipo nacional Carla Abad e o médico Ángel Quirós.

Todos eles recibiron de mans da vicepresidenta unha placa conmemorativa do seu logro, que Fernández-Tapias louvou como un fito histórico. “Esta provincia –subliñou- segue engrosando o seu palmarés deportivo demostrando cada día que é un gran referente e que hai canteira. Os vosos triunfos son tamén os triunfos de toda Pontevedra. E este ouro é unha proba máis da importancia de apostar pola base no deporte”.

Marta Fernández-Tapias felicitou aos xogadores polo seu primeiro título internacional e ao staff polo título conseguido coa selección despois do campionato europeo acadado no 2022. “Con unión, traballo e valores tedes conseguido un tándem perfecto que está a dar os seus froitos”, destacou a vicepresidenta, que tamén incidiu no “enorme esforzo” que están a facer os clubs da provincia, como é o caso do Cisne, no día a día deste deporte e na aposta pola canteira.

“Estou convencida –engadiu- de que o balonmán é pedra angular do éxito do deporte na nosa provincia grazas ao traballo de todos os que estades implicados no seu desenvolvemento e promoción”.

Neste senso, a vicepresidenta amosou o compromiso da Deputación co balonmán “para seguir acadando as vosas metas” e afirmou que “o deporte é, ademais dunha aposta persoal, un obxectivo firme neste mandato”.

“Queremos impulsalo e non dubidaremos nin escatimaremos recursos para seguir afianzando esta cultura do deporte que tanto está aportando á provincia e que tantas alegrías nos está dando”.

Xuntanza coa Fundación Castelao
No marco dos diferentes encontros con colectivos da provincia que está a manter como novo responsable de Memoria Democrática na Deputación de Pontevedra, o vicepresidente Rafa Domínguez mantivo unha reunión no Pazo Provincial con representantes da Fundación Castelao.

Trátase da primeira vez que esta entidade é recibida na institución provincial e no transcurso da sesión, Domínguez e os responsables da Fundación abordaron a posibilidade de establecer futuras liñas de colaboración e traballo conxunto. Nestas accións prevese que o Museo de Pontevedra poida ter un papel relevante.