Deputación de Pontevedra e Concello de Baiona presentan a nova edición da Festa da Arribada

Se celebrará no próximo mes de outubro

Pontevedra | Non puido ser nesta primeira fin de semana de marzo como é tradicional, pero a XXVI edición da Festa da Arribada será unha realidade tamén este ano aínda que se retrasa ao inicio do mes de outubro, en concreto aos días 1, 2 e 3.

No acto de presentación da Festa internacional e do cartel desta inédita edición, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, coincidiron na importancia de levar a cabo a Arribada, coas correspondentes medidas sanitarias, para manter “o selo de identidade da vila e unha das celebracións máis importantes da provincia e de Galicia”.

Neste acto tamén estiveron a deputada provincial Ana Laura Iglesias, a xefa de zona Vigo-Sur de Abanca Ángela Rodríguez, a directora da Axencia de Turismo de Galicia Nava Castro, así como autoridades locais e representantes de asociacións do concello de Baiona. Todas elas e eles puideron degustar os “Panizos Indios”, unha receita típica indíxena que unha panadería local recuperou este ano e adaptou como doce para esta edición da Festa da Arribada.

A presidenta provincial quixo felicitar ao goberno municipal, así como a todos os grupos políticos de Baiona, que tomaron unha “decisión moi acaída” ao dar luz verde á celebración da Arribada. “Non podemos renunciar a ter soños, a manter aquelas festas tan importantes que, amais, son un elemento de gran atracción de visitantes e, polo tanto, de riqueza”, polo que considerou que “foi unha extraordinaria decisión” mantela.

No acto proxectouse o vídeo oficial da Arribada 2021, no que se pode ver como unha nena explica a emoción da veciñanza de Baiona ao coñecer o descubrimento do “Novo Mundo”. En relación a esta peza, Carmela Silva sentiuse satisfeita porque “teña a unha moza como protagonista”, xa que será visualizado por milleiros de persoas “que verán na voz, na escrita e no rostro de dúas mulleres unha da nosas festas máis representativas”. Exactamente igual que no cartel, “no que aparece unha moza empoderada escribindo, pensando e recoñecendo”. Silva tamén puxo en valor o enxeño da muller que ideou o vídeo así como das actrices que participan nel: “que talentazo feminino temos no eido do audiovisual e da cultura na nosa provincia e en Galicia”.

Pola súa banda, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, quixo agradecer o esforzo de todas as persoas e organismos que fan posible esta nova edición da Festa da Arribada e asegurou que “abriremos o mes de outubro coa nosa festa por excelencia, o noso maior selo de identidade fora das nosas fronteiras”, así como a súa esperanza por “poder celebrala como se merece, por todo o alto”. O alcalde lembrou que a celebración “naceu, creceu e consolidouse grazas á unión, esforzo e traballo de todo un pobo e unha vila que se erixiu de maneira colectiva co orgullo de conmemorar a chegada da carabela Pinta ao porto de Baiona coa noticia do encontro entre dous mundos”.

Gómez definiu o vídeo proxectado como “unha magnífica interpretación do que é a nosa localidade neses días tan frenéticos, nos que percorrer calquera rúa do noso casco é unha aventura que toca tantas teclas da alma humana”. O alcalde de Baiona finalizou a súa intervención cun berro de esperanza: “oxalá a mensaxe na botella se poida escribir para todas e todos na primeira fin de semana de outubro e poidamos celebrar e gozar desta tan esperada edición da Festa da Arribada”.