Pontevedra | A Deputación de Pontevedra súmase ao Día Mundial da Infancia reivindicando o labor desenvolvido por entidades que traballan en todo o mundo para que os nenos teñan un futuro mellor.
Deste xeito, o goberno de Luis López, a través do servizo de Benestar Social liderado pola deputada Sandra Bastos, acaba de aprobar unha axuda de 10.000 euros destinada a UNICEF para colaborar cos traballos que a entidade está a desenvolver para paliar a situación de emerxencia dos nenos que viven en Libia.
“Queremos neste Día Mundial da Infancia formar parte deste chamamento mundial a favor dos máis pequenos do mundo, sobre todo dos máis vulnerables e das asociacións e organizacións que traballan para o seu benestar” asegurou o presidente provincial.
Neste eido, Luis López recordou que “todos os nenos teñen dereito á saúde, á protección, á educación, independentemente do lugar do mundo no que teñan nacido. Sen embargo, non todos teñen estes dereitos garantidos e debemos traballar para protexelos e para que todos os nenos do mundo teñan un futuro mellor”.
A axuda de 10.000 euros que acaba de aprobar a Deputación de Pontevedra para UNICEF está encamiñada a contribuír co traballo que a entidade desenvolve en Libia. En concreto, a axuda irá destinada cara o este deste país no que se estima que case 300.000 nenos estiveron expostos á tormenta Daniel e precisan asistencia humanitaria tralos danos sufridos en vivendas, hospitais, escolas e outras infraestruturas esenciais.
Nesta zona UNICEF está a proporcionar subministracións de emerxencia, preparando unha campaña de vacinación contra o sarampelo, subministrando suplementos de vitamina A e alimentos, enviando equipos sanitarios móbiles, a desenvolver traballos para previr o brote de enfermidades transmitidas pola auga tralas inundacións, a establecer espazos temporais de aprendizaxe e a proporcionar apoio psicosocial e de saúde mental úrxente aos nenos afectados pola tormenta.