Deputación de Pontevedra destina 1% do seu orzamento para axudas directas aos Concellos

Un total de 1,64 millóns de euros

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra cumpre o seu compromiso cos sectores afectados pola pandemia ao ratificar hoxe no pleno extraordinario a decisión de destinar o 1% do seu orzamento, 1,64 millóns de euros, a financiar axudas directas e finalistas que serán xestionadas polos concellos, en palabras de Carlos Font, “os máis rápidos, áxiles e eficaces na relación coa súa veciñanza e os seus territorios”.

A decisión foi subscrita polos votos dos grupos do PSDG-PSOE e do BNG e do PP. Así, a Deputación pon a disposición dos concellos ata 7,6 millóns de euros para que poidan axudar aos sectores obrigados a pechar polas restricións da Xunta, xa que á cantidade aprobada hoxe se suman os 6 millóns de euros do 20% da Liña 1 do Plan que poden destinar a tal fin.

Carlos Font cualificou de “inexplicable” que, a pesar do seu voto a favor, o grupo do PP “se empeñe en facer un papelón. En vez de defender aos sectores afectados da provincia, defenden en procesión á Xunta que se negou a asumir a súa responsabilidade de liderar un verdadeiro Plan de Rescate, e que tenta enganar unha e outra vez á xente aproveitando a súa desesperación”.

O deputado avergoñou ao voceiro do PP, Jorge Cubela, a quen acusou de traizoar ao municipalismo sendo alcalde, ao ensinar as declaracións de Núñez Feijoo, que onte recoñeceu que o primeiro plan de axudas, “aínda que mesturan todo, desde avais, créditos, axudas directas….”, quedouse en 69 millóns de euros. “As súas falsidades non teñen fin”, dixo Font, que ironizou sobre “o baile da yenka das cifras da Xunta. Pero non insistían en que eran 80?”, preguntou. Font engadiu tamén que “Feijoo tamén avanza hoxe que dos famosos 75 millóns do plan de agora, só 12 millóns van á hostalería. Deixen de enganar á xente”, esixiu.

Pola súa banda, César Mosquera cualificou de “incomprensible” que non se puidera chegar a un acordo para facer un plan potente de axudas. “Nós cumprimos co que acordamos e agardo que esta axuda, que pode parecer pequena porque o noso orzamento é pequeno, sirva para apoiar a encher o enorme buraco que teñen os sectores afectados. É un enorme esforzo para nós. Xa me gustaría que todas as administracións o fixeran”.

Na sesión aprobouse o suplemento de crédito necesario para achegar 1.640.000 euros aos concellos, que poderán solicitar en canto se publiquen. Para axilizar aínda máis o proceso a Deputación adiantará as contías que oscilarán entre os case 7.000 e os 110.000 euros, segundo o criterio obxectivo de poboación. Os concellos só terán que presentar a solicitude e recibirán o diñeiro sen agardar á xustificación. Amais, no caso de que algún concello decida complementar esta axuda con recursos do 20% da liña 1, tamén se adinatarán esas contías.

O voceiro do PSDG-PSOE, Carlos Font, recordou que “se falamos de axilidade na xestión os feitos están aí”. “Cumprimos coa nosa promesa en menos dunha semana e tramitámola noutra. A Xunta demorou 8 meses en falar de axudas e outros 4 meses en facelas chegar. Facémolo, amais, ante a inoperancia do goberno galego, que ten todas as competencias, todos os recursos, e toma as decisións sanitarias e de restricións”.

Font lembrou que “non pode ser que a Xunta, con mais de 11.500 millóns de euros de orzamento, que está a recibir fondos extraordinarios, tanto do Estado como de Europa a través do REACT EU, tente pasarlle a pelota aos concellos cando o mundo local leva desde marzo asumindo competencias que non son súas e sen recibir un euro”. O deputado insistiu en esixir explicacións. “Onde están os 224 millóns que recibiron do Estado para compensar a caída da actividade económica?; onde van gastar os 441 millóns deste ano procedentes de Europa?; como é posible que se neguen a poñer o 1% do orzamento cando o fan os entes locais?”. “É dicir –concluíu-, a Xunta tiña recursos de sobra para asumir ese 1%, pero declinou facelo, articulou un “plan de defunción” e, como sempre, acusan ás outras administracións de torpedear o acordo”.

César Mosquera explicou que “podemos entender que non sexa posible un Plan de Rescate merecente deste nome, e tamén que se pida a nosa colaboración, a pesar de que non temos competencias e non recibimos fondos extraordinarios para este fin”, explicou. “O difícil de entender é que non se puidera chegar a un acordo para un Plan único para Galicia potente e dotado con recursos”. Mosquera concluíu que o asunto a debate “está bastante claro”, lembrando o principio tributario de que cada quen debe contribuír conforme ao que teña.