Deputación de Pontevedra destaca o “municipalismo cultural” no Culturgal

O goberno provincial subiu un 20% a partida orzamentaria para cultura en 2024

Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou o “municipalismo cultural” que practica o goberno provincial a través da programación de eventos itinerantes por toda a provincia relacionados con disciplinas como o teatro, a danza, o cine ou a música durante a súa intervención este venres no acto inaugural da feira das culturas galegas, Culturgal, que tivo lugar no Recinto Feiral de Pontevedra.

“A Deputación comparte ese ADN de levar o noso potencial cultural e artístico a todos os recunchos da provincia”, sinalou o dirixente do organismo supramunicipal, quen destacou tamén o labor desta feira para “poñer en valor e promocionar o noso talento cultural”.

Acompañado pola vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, o mandatario provincial reafirmou o compromiso do goberno para potenciar a Cultura a través do incremento da partida orzamentaria asignada a esta área para o ano 2024, que medra un 20 % ata situarse nos 4,7 millóns de euros.

“Máis cultura significa máis provincia. Ese é o compromiso desta Deputación, que ten neste sector un piar estratéxico da nosa acción de goberno”. Neste sentido, Luis López tamén recordou que o Museo de Pontevedra conta cun orzamento de 10,8 millóns de euros, o que sitúa os fondos destinados á Cultura para o próximo ano nun total de 15 millóns de euros.

Ao rematar o seu discurso, López e Fernández-Tapias, acompañados polo conselleiro de Cultura Román Rodríguez e membros da organización da feira e do Concello de Pontevedra, percorreron os corredores do recinto para descubrir a oferta dunha feira que conta con máis de 80 expositores. Entre eles, está un da Deputación de Pontevedra no que, ao longo da fin de semana, daranse a coñecer os programas culturais que ten en marcha, así como exhibicións de danza e teatro ou obradoiros infantís.

O presidente López puxo en valor a misión de Culturgal para promocionar aos profesionais que integran a industria cultural galega, un obxectivo compartido pola Deputación. “Xoga un papel fundamental para tender pontes co tecido cultural da provincia e de Galicia, para tender pontes entre artistas de disciplinas variadas e para tender pontes entre o sector cultural e o público”, defendeu o mandatario antes de informar do apoio económico de 30.000 euros que presta a Deputación á organización desta feira.

Finalmente, Luis López deu os parabéns aos organizadores de Culturgal pola programación de toda a fin de semana e tamén polo lema escollido para esta edición da feira, que é “Intelixencia natural”. “Non hai

intelixencia artificial, por sofisticada que sexa, que supere a intelixencia natural que exportamos desde as facultades do campus de Pontevedra, o campus CREA da Universidade de Vigo, en disciplinas como o audiovisual, a moda, o deseño ou a publicidade. Ou a intelixencia natural que demostran todos os profesionais que fan que, desde a cultura, a nosa provincia vaia a máis”, rematou.